O PSdeG-PSOE convértese na forza política maioritaria da oposición en Barbadás tras a reorganización da corporación

OurenseXa
A saída de dous concelleiros do PP como membros non adscritos modifica a composición política do Concello e sitúa aos socialistas como grupo con maior representación na oposición
concelleiras-psoe-barbadas
25 Jun 2026

O mapa político do Concello de Barbadás experimentou cambios tras o pleno celebrado este martes, no que se oficializou a nova composición da corporación municipal. A reorganización prodúcese despois de que os concelleiros Luís Dorribo e Manuel Ángel Fernández deixasen o Partido Popular para pasar a ter a condición de non adscritos.

Con esta modificación, o grupo popular pasa de seis a catro representantes na corporación municipal, quedando integrado por Consuelo Vispo, Roberto Vila, Moncho Lloves e Nieves Carril.

Pola súa parte, o Grupo Municipal Socialista mantén os seus cinco representantes, encabezados por Victoria Morenza e integrado tamén por Ana Belén Peleteiro, Noemí Pintos, Elizabeth Nistal e Marga Pérez. Esta nova configuración converte ao PSdeG-PSOE na formación con maior representación dentro da oposición municipal.

Segundo destacan os socialistas, esta nova situación sitúa ao grupo como principal alternativa fronte ao actual executivo local, que queda configurado por tres membros: Xosé Carlos Valcárcel e José Manuel Morgade, ambos como concelleiros non adscritos tras a súa saída do PSOE, e Daniel Rey, representante de Democracia Ourensana.

A corporación complétase coa presenza doutros grupos da oposición, entre eles o BNG, con dous concelleiros, e o Partido Galego, cun representante.

0.12090301513672