O PSdeG-PSOE de Barbadás propón no pleno abrir e dinamizar o Museo Etnográfico de Loiro

O Grupo Municipal Socialista de Barbadás levará ao pleno do vindeiro luns, 5 de outubro, unha moción para impulsar a apertura ao público, a dinamización e a posta en valor do Museo Etnográfico de Loiro. Desde o PSdeG-PSOE sosteñen que se trata dun equipamento cun notable potencial cultural, educativo e turístico para o conxunto do municipio.
A proposta parte da idea de que o patrimonio etnográfico de Barbadás non debería limitarse a conservarse, senón converterse nun patrimonio vivo, accesible e coñecido tanto pola veciñanza como por quen visita o municipio.
O Museo Etnográfico de Loiro reúne unha colección relacionada coa vida cotiá, os oficios do campo, a escola, os comercios e os costumes sociais do século pasado, ademais de máis de 400 fotografías. Este fondo puido reunirse, en boa medida, grazas á implicación e ao traballo da propia veciñanza de Loiro ao longo dos anos.
A concelleira socialista Ana Belén Peleteiro considera que este museo representa "unha oportunidade que Barbadás non pode deixar pasar". Nas súas palabras, "falamos dun espazo que conserva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e que ten todas as condicións para converterse nun recurso cultural e turístico de referencia. O que propoñemos é moi concreto: que se abra, que se dea a coñecer, que se programe actividade e que se integre dentro da oferta turística e cultural de Barbadás".
Un plan con varias liñas de actuación
O PSdeG-PSOE plantexa abordar a posta en valor do museo desde unha perspectiva integral. Entre as medidas que recolle a moción figuran o establecemento dun calendario e duns horarios de apertura regulares —especialmente nos períodos de maior afluencia— e o impulso de visitas guiadas e actividades de divulgación dirixidas, entre outros colectivos, aos centros educativos e ás asociacións culturais e veciñais.
"Queremos que as nenas e nenos de Barbadás poidan coñecer a súa historia directamente, que a veciñanza poida visitar o museo e que quen se achegue ao noso concello descubra tamén a riqueza do noso patrimonio", explica Peleteiro.
A iniciativa inclúe tamén actuar sobre o entorno inmediato do museo, garantindo unhas condicións adecuadas de mantemento, limpeza, conservación, seguridade e accesibilidade, así como reforzar a súa presenza nos materiais informativos, dixitais e promocionais do concello.
Un impulso tamén para a economía local
Para os socialistas, a aposta polo Museo Etnográfico de Loiro non debe quedar no terreo cultural. A moción busca ademais aproveitar este patrimonio como motor de dinamización económica, xerando sinerxías coa hostalaría, o comercio e outros recursos turísticos e culturais do municipio.
"Cada persoa que conseguimos atraer a Loiro para coñecer o museo é tamén unha oportunidade para que descubra a nosa gastronomía, os nosos negocios, o noso comercio e o resto do patrimonio de Barbadás", apunta Peleteiro.
Nesta liña, o PSdeG-PSOE plantexa avanzar cara a unha estratexia turística propia para Barbadás que integre o Museo Etnográfico de Loiro xunto con outros recursos do municipio, como a ruta literaria dedicada a Carmen Martín Gaite, os pazos de Piñor e Bentraces, a Fraga de Louredo, o Museo da Gaita, os canastros e a igrexa románica de Loiro, o penedo do Tangaraño e as diferentes rutas de sendeirismo e BTT.
"Barbadás ten patrimonio, ten historia e ten recursos para ofrecer unha proposta turística propia. O que precisamos é conectalos, promocionalos e poñelos ao servizo da veciñanza e da economía local", afirma a concelleira socialista.
Colaboración entre administracións
A moción reclama tamén que o concello realice as xestións oportunas ante a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense para conseguir colaboración e financiamento destinados á dinamización e promoción turística do museo, aproveitando as liñas de axudas, convenios e programas de cooperación xa existentes.
Así mesmo, o PSdeG-PSOE propón establecer unha planificación anual e unha dotación orzamentaria suficiente que permitan garantir a continuidade das actuacións de apertura e dinamización, ademais de dar conta periodicamente ao pleno do seu cumprimento.
"Non estamos falando simplemente de abrir unha porta. Estamos falando de dar vida ao museo, de convertelo nun espazo accesible e atractivo, e de aproveitar todo o seu potencial para Loiro e para o conxunto de Barbadás", conclúe Peleteiro.
O Grupo Municipal Socialista confía en que a proposta reciba o respaldo do resto da corporación e permita dar un novo impulso a un equipamento que, segundo defenden, merece ser coñecido, visitado e aproveitado como parte esencial da identidade e do futuro de Barbadás.