O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o avance cara á reapertura do balneario de Berán tras máis de vinte anos de espera

O PSdeG-PSOE de Ourense amosou a súa satisfacción polos pasos dados recentemente arredor do balneario de Berán, tras máis de vinte anos de espera. Desde a formación socialista subliñan que a recuperación e posta en marcha deste recurso termal representa unha oportunidade "estratéxica" que vai máis alá do ámbito local de Berán e do concello de Leiro, para beneficiar tamén toda a comarca do Ribeiro e a provincia ourensá.
Os socialistas lembran que a reivindicación en favor do balneario forma parte dunha demanda histórica do seu partido, que durante anos instou ás distintas administracións a poñer en valor unha infraestrutura chamada a xogar un papel relevante no desenvolvemento económico e turístico da zona.
O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, sinalou que o partido leva tempo defendendo que o balneario deixe de representar unha ocasión desaproveitada e pase a converterse nun recurso de futuro para toda a comarca. Na súa valoración, destacou que se trata dunha instalación con gran valor patrimonial, termal, turístico e económico, con capacidade para xerar actividade, emprego e oportunidades nun territorio necesitado de investimento e de iniciativas que axuden a fixar poboación.
Vila considera que o momento actual debe servir para pasar das promesas aos feitos, e defendeu que a reapertura do balneario sexa unicamente o punto de partida dun proxecto máis amplo para dinamizar Berán, Leiro e o Ribeiro. Engadiu que o seu partido seguirá vixiante para que o investimento público realizado durante todos estes anos teña o retorno que merece a veciñanza, insistindo en que Berán non pode permitirse máis demoras nin máis ocasións perdidas. O voceiro provincial tamén salientou que o termalismo é unha das grandes fortalezas da provincia de Ourense, e defendeu que a recuperación de Berán se enmarque nunha estratexia máis ampla que poña en valor o potencial termal, turístico, patrimonial e gastronómico de todo o Ribeiro.
Pola súa banda, desde o Grupo Municipal Socialista de Leiro, o voceiro adxunto, Pedro José González, defendeu no pleno municipal o apoio do PSOE á ratificación da adxudicación do balneario, priorizando o interese veciñal por riba de calquera cálculo político. González subliñou que o complexo termal constitúe un ben e un recurso estratéxico de titularidade e arraigo indiscutibles para a Entidade Local Menor, e que as súas augas e instalacións forman parte do patrimonio vivo dos veciños e veciñas de Berán. Considerou que a reapertura supón un impulso fundamental para o desenvolvemento económico, turístico e demográfico tanto de Berán como de todo o concello de Leiro e da comarca.
O PSdeG-PSOE de Leiro precisou, con todo, que o seu apoio ao proceso debe ir acompañado do máximo rigor e do cumprimento estrito da legalidade, lembrando que corresponde á Entidade Local Menor de Berán e á súa Secretaría-Intervención velar por que todo o proceso se axuste á normativa vixente.
O vocal socialista na Entidade Local Menor de Berán, Tomás Lorenzo Fariña, incidiu nas condicións concretas do contrato e na necesidade de que o balneario supoña moito máis ca un ingreso económico para a entidade, defendendo que debe converterse no auténtico motor das dinámicas de desenvolvemento da zona.
Os socialistas insisten en que o éxito da reapertura non debe valorarse só pola apertura das súas portas, senón pola súa capacidade para xerar actividade económica, atraer visitantes, favorecer o comercio e a hostalaría local, e reforzar a oferta turística do Ribeiro, aproveitando as sinerxías co patrimonio, a gastronomía, o viño e os recursos naturais da comarca.
Desde a agrupación socialista de Berán remárcase ademais a importancia de que este proceso permita recuperar un espazo moi ligado á identidade da localidade, tras anos de espera dunha solución definitiva. O PSdeG-PSOE de Ourense reitera o seu compromiso con esta reivindicación histórica e anuncia que seguirá de preto o proceso para garantir que a reapertura se traduza nun proxecto sólido, viable e beneficioso para a poboación.