O PSdeG-PSOE esixe a Jácome medidas contra o cambio climático e un plan de adaptación á calor

As concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Ourense volveron esixir a posta en marcha dun plan municipal específico para facer fronte ás altas temperaturas, advertindo de que a falta de acción do goberno local equivale, ao seu xuízo, a “clamar no deserto”.
“Levamos anos reclamando a elaboración dun auténtico Plan Municipal de Adaptación á Calor, con medidas concretas para protexer a poboación máis vulnerable, aumentar as zonas de sombra, adaptar os horarios das e dos traballadores do Concello de Ourense, incrementar a arborización urbana e avanzar na renaturalización dos barrios”, explica a edil María Fernández Ojea.
As socialistas alertan de que Ourense afronta cada verán episodios de calor extrema cada vez máis frecuentes e intensos, con previsións que apuntan a temperaturas que poderían volver rozar ou superar os 40 graos esta fin de semana. Neste contexto, sosteñen que non actuar xa non responde a unha falta de planificación, senón a unha ausencia de prioridade política en materia de saúde pública.
O grupo municipal critica ademais que, tras sete anos de goberno de Democracia Ourensana, a cidade siga sen unha estratexia integral para afrontar o impacto da calor, a pesar das reiteradas propostas formuladas nos últimos anos.
Entre os argumentos que respaldan a súa denuncia, as edís citan un informe recente elaborado para Amigos da Terra, que sitúa Ourense como a cidade con peor acceso a zonas verdes entre as analizadas a nivel estatal. Segundo ese estudo, máis do 80% da poboación non dispón dun espazo verde próximo á súa vivenda e só unha pequena parte do solo residencial conta con cobertura vexetal.
Ademais, consideran que estes datos evidencian que a proximidade de zonas naturais na contorna non compensa a falta de verde dentro dos barrios urbanos. Neste sentido, sinalan como áreas prioritarias de intervención os barrios do Vinteún, A Carballeira, O Couto e San Francisco, onde se concentran déficits históricos de arborado e maiores niveis de vulnerabilidade social.
O PSdeG-PSOE sostén que a desigualdade tamén se manifesta no acceso a contornos máis frescos e saudables, xa que os barrios con menos recursos son os que presentan menor presenza de árbores, sombra e espazos naturais.
Por iso, o grupo municipal insiste na necesidade de aplicar medidas tanto urxentes como estruturais: desde sistemas de alerta ante vagas de calor, refuxios climáticos e melloras no acceso á auga potable, ata actuacións a medio e longo prazo como corredores verdes, renaturalización do viario urbano, incremento do arborado e creación de novos parques en zonas deficitarias.
As concelleiras conclúen que sen un aumento real da masa verde urbana non é posible mitigar o impacto da calor na cidade, e reclaman unha estratexia estable, planificada e con vontade política para transformar o modelo urbano de Ourense cara a unha contorna máis habitable e resiliente.