O PSdeG reclama un Orzamento para Ourense “que sirva para gobernar” e pide corrixir as deficiencias do expediente

OurenseXa
As socialistas presentan catro reclamacións e advirten de que aprobar un documento con problemas xurídicos podería xerar “inseguridade xurídica” e frear a acción municipal
natalia-gonzalez-psoe-ourense
17 Jul 2026

O Grupo Socialista de Ourense presentou catro reclamacións ao expediente do Orzamento municipal co obxectivo de corrixir defectos na súa tramitación e incorporar medidas que, segundo indican, respondan ás necesidades da cidade.

A voceira socialista, Natalia González Benéitez, sinalou que “Ourense necesita un Orzamento, pero necesita un Orzamento que poida executarse, que dea seguridade xurídica e que responda ás necesidades reais da cidade. Iso é precisamente o que perseguen as reclamacións presentadas polo Grupo Socialista”.

Desde o PSdeG consideran que o principal risco non é atrasar uns días a aprobación definitiva do documento, senón aprobar “un documento con importantes deficiencias procedementais, que xere inseguridade xurídica e que acabe sendo un freo, en lugar dunha solución, para a acción de goberno”.

As reclamacións presentadas céntranse en cuestións relacionadas coa tramitación do expediente. Entre elas, o Grupo Socialista apunta á ausencia do informe preceptivo da Intervención Xeral, ás deficiencias detectadas na tramitación do Capítulo I relativo ao persoal, ao uso como fundamento do Orzamento dun Plan Económico-Financeiro que, segundo sinalan, o propio expediente recoñece que aínda non podía ser formalmente tramitado, e á reiteración das propostas presentadas polo PSdeG durante a fase de aprobación inicial.

As socialistas destacan que a cidade precisa aprobar as súas contas para poder avanzar en ámbitos como a vivenda, o comercio, a mobilidade, a limpeza, o mantemento urbano, as políticas sociais ou o apoio ás familias. Por iso, consideran “incomprensible” que o Goberno municipal optase por continuar coa tramitación dun expediente con deficiencias que, segundo indican, podían ter sido corrixidas.

O Grupo Socialista lembra que agora corresponde ao Pleno da Corporación resolver as reclamacións presentadas e considera que o Goberno municipal aínda está a tempo de converter o expediente nun mellor Orzamento.

“As reclamacións non son un punto final; son unha oportunidade para facer as cousas ben. Se o Goberno acepta corrixir os defectos xurídicos que presenta o expediente e demostra vontade de incorporar melloras útiles para a cidade, estará construíndo un Orzamento máis sólido, máis seguro e tamén máis compartido”, sinalan.

Ademais das reclamacións de carácter xurídico, o PSdeG decidiu reiterar as propostas que xa presentara durante a fase de aprobación inicial. A formación aclara que non pretende utilizar este trámite para reabrir o debate político nin forzar a súa admisión por unha vía que non corresponde, pero considera que o Goberno municipal pode incorporar voluntariamente aquelas medidas que considere beneficiosas.

Entre as propostas mencionadas polo Grupo Socialista atópanse iniciativas relacionadas coa vivenda, o apoio ao comercio local, a saúde mental, os servizos sociais, a mellora dos barrios, a igualdade, o deporte base ou a recuperación de espazos públicos.

“Non pedimos que acepten as nosas propostas porque son do Partido Socialista; pedimos que as valoren porque poden facer mellor este Orzamento e porque responden a necesidades reais da veciñanza”, indican.

O Grupo Socialista concluíu facendo un chamamento á responsabilidade institucional das diferentes forzas políticas e asegurou que a aprobación dun Orzamento “non debe entenderse como unha carreira por gañar unha votación”, senón como a aprobación dun documento “legalmente sólido, politicamente útil e capaz de mellorar a vida dos ourensáns”.

0.12871313095093