O PSdeG urxe solucións inmediatas á falta de autobús no barrio do Pino

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense expresou o seu apoio á veciñanza do barrio do Pino ante a situación que denuncian desde hai case tres meses pola ausencia de servizo de autobús urbano cara ao centro da cidade. A voceira do PSdeG, Natalia González, participou este sábado nunha concentración convocada polos residentes na parada afectada, onde escoitou as súas demandas e preocupacións.
As socialistas sinalan que a supresión da parada de Torres do Pino nas liñas 3 e 4 está a xerar importantes dificultades no día a día da veciñanza, con especial impacto nas persoas maiores e naquelas con mobilidade reducida, que se ven obrigadas a realizar desprazamentos máis longos para acceder a servizos básicos como o centro de saúde.
O grupo municipal cualifica a situación de “inaceptable” e advirte de que non se trata dun problema puntual, senón dunha cuestión que afecta directamente á mobilidade como dereito esencial. Neste sentido, alertan de que “non se pode permitir que haxa barrios de primeira e de segunda en Ourense”.
As edís do PSdeG reclaman ao goberno local unha actuación inmediata que permita restablecer o servizo ou, no seu defecto, habilitar alternativas provisionais que garantan a conexión do barrio co centro da cidade en condicións axeitadas de seguridade e accesibilidade.
Ademais, esixen maior transparencia e información sobre as medidas que se prevén adoptar e os prazos previstos para a súa resolución. Tamén piden que se teñan en conta outras deficiencias sinaladas pola veciñanza, como os problemas de accesibilidade peonil e o estado do alumeado público na zona.