O PSOE acusa a Jácome de pretender "mercar catro votos" cos dez millóns de euros en Bonos Comercio anunciados polo Goberno local

OurenseXa
As socialistas preguntan polo impacto a longo prazo da medida e reclaman que parte do investimento se oriente a vivenda, comercio, accesibilidade e actividade económica
natalia-gonzalez
8 Oct 2026

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense cuestiona a decisión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome de mobilizar dez millóns de euros para unha nova edición dos Bonos Comercio e reclama coñecer que efectos permanentes terá este investimento sobre a cidade.

As socialistas realizaron unha primeira valoración do anuncio e criticaron que se recorra novamente a unha medida puntual para incentivar o consumo. A voceira municipal e candidata á Alcaldía, Natalia González, considera que o debate non debe centrarse en estar a favor ou en contra das axudas ao comercio, senón en analizar se esta fórmula responde aos problemas estruturais do tecido económico local.

"Que idea tan novidosa. E, sobre todo, que extraordinaria visión dos intereses estratéxicos de Ourense", ironizaron as concelleiras socialistas sobre o anuncio. A formación cuestiona tamén que o investimento se produza a poucos meses das eleccións municipais e pide coñecer que beneficios permanentes terá para a cidade.

Natalia González pregunta se a medida permitirá recuperar locais comerciais baleiros, facilitar a apertura de novos negocios ou mellorar cuestións como a accesibilidade das rúas comerciais, a mobilidade e o aparcamento. Tamén cuestiona se contribuirá á modernización e dixitalización dos establecementos, ao relevo xeracional ou á recuperación de poboación.

Desde o PSOE defenden que os dez millóns de euros poderían empregarse para impulsar actuacións estruturais, entre elas a rehabilitación e mobilización de vivendas baleiras, a recuperación residencial dos barrios, a mellora dos espazos comerciais, a accesibilidade e outras medidas de dinamización económica.

O grupo municipal lembra ademais que xa presentou nos orzamentos municipais un Plan de Vivenda 2026-2030 e sinala que está a estudar presentar unha alternativa para priorizar este investimento.

As socialistas tamén poñen o foco na documentación municipal relacionada coa medida. Segundo indican, o expediente sinala que a situación actual non é comparable coa excepcionalidade da pandemia, cando se aprobaron axudas anteriores, e incorpora un informe desfavorable do Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria sobre os riscos para a estabilidade financeira do Concello.

"O comercio necesita clientes hoxe, pero tamén mañá e dentro de dez anos. E para iso necesitamos unha cidade na que a xente poida vivir, traballar e construír un futuro. Un bono de consumo pode incentivar unha compra. Non substitúe unha política económica", sinalou a voceira socialista.

Por último, o PSOE reclama ao goberno municipal que concrete que resultados espera obter cun investimento de dez millóns de euros e como avaliará a eficacia da medida. Natalia González considera que a cidade necesita unha planificación a longo prazo e reclama que as políticas municipais vaian máis alá das convocatorias puntuais de axudas.

0.17243599891663