O PSOE de Ourense denuncia a supresión do Consello Municipal de Igualdade en vésperas do 25N e pide a súa restitución inmediata

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense denunciou que o goberno local decidiu prescindir do Consello Municipal de Igualdade, segundo trasladou a concelleira responsable durante a Xunta de Área de Servizos Sociais celebrada esta mañá. Segundo o PSOE, o executivo municipal xustificou esta medida alegando unha suposta falta de participación neste órgano, e propuxo que os grupos municipais fagan chegar as súas achegas por outras vías para que sexan valoradas.
As socialistas subliñan que esta decisión se produce xusto en vésperas do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, data para a que, segundo denuncian, xa non se convocou este espazo de participación.
A voceira do PSOE e candidata á Alcaldía, Natalia González, reclamou ao goberno municipal que rectifique con urxencia e se comprometa a manter, reforzar e dotar de contido real este órgano, que considera clave nun momento especialmente significativo para a cidade e para o conxunto do país. Neste sentido, defendeu que non se pode deixar sen voz ás organizacións políticas, aos colectivos feministas, aos sindicatos e ao tecido asociativo, cuxa implicación resulta esencial para seguir avanzando tanto en igualdade como na loita contra a violencia machista.
A edil socialista lembrou que o Consello Municipal de Igualdade foi historicamente un espazo de diálogo e consenso que permitiu avances como o proxecto do rueiro feminino, a organización —xunto ás traballadoras municipais— das principais datas reivindicativas do ano, ou a xestión dos fondos procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e da administración autonómica.
Para González, a falta de participación "non se resolve eliminando os órganos de participación, senón fortalecéndoos, ampliándoos e dotándoos de contido". A voceira cualificou a decisión como "un erro gravísimo" que esixe corrección inmediata, insistindo en que, na defensa da igualdade e na loita contra a violencia machista, non se pode dar "nin un paso atrás".
Ademais, o grupo socialista pediu unha solución urxente ante a baixa da psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), despois de que o goberno municipal optase por derivar as usuarias afectadas a outros recursos asistenciais.
As socialistas tamén lamentaron que o proxecto do rueiro feminino continúe sen avances significativos, máis alá do acto de recoñecemento ás irmás Touza previsto para esta mesma xornada.
Por outra banda, durante a Xunta de Área, o goberno municipal confirmou que non contempla ampliar a curto prazo o programa Xantar na Casa, que conta actualmente con 100 prazas cubertas e 12 persoas en lista de agarda, segundo datos facilitados a 9 de novembro. Dende o PSOE insisten na necesidade de incrementar este servizo en, polo menos, 50 novas prazas de cara a 2027, atendendo á elevada demanda existente e co obxectivo de que ninguén quede sen acceso a este recurso.
O grupo socialista anunciou que presentará achegas ao regulamento do Fogar do Transeúnte, cuxo expediente se iniciou o pasado 17 de novembro, e que participará activamente no Consello Municipal de Servizos Sociais para contribuír a resolver os problemas históricos que arrastra Ourense na xestión das bolsas de libros e comedor escolar, reclamando que a convocatoria se publique antes de que finalice o ano.