O PSOE de Ourense pide unha homenaxe institucional para catro deportistas polos seus logros internacionais

O grupo municipal socialista propuxo este mércores, durante unha reunión do Consello Municipal de Deportes (CMD), que o Concello de Ourense organice unha homenaxe institucional a catro mulleres deportistas vinculadas á cidade: Raquel Carrera, Paula Ginzo, Vane Sotelo e Alicia Babarro, coñecida como "Mini Ali". A proposta responde aos resultados que as catro acadaron nas últimas semanas, en disciplinas e categorías distintas, pero practicamente no mesmo período de tempo.
Raquel Carrera e Paula Ginzo formaron parte da selección española de baloncesto que logrou a medalla de bronce no Mundial feminino disputado en Berlín, un resultado que volve situar ao combinado nacional entre os mellores do mundo. Pola súa banda, Vane Sotelo protagonizou un fito no fútbol sala español ao converterse na primeira xogadora en superar os 100 goles coa selección española, deixando atrás o anterior rexistro de 99 tantos que ostentaba Javi Rodríguez.
A estes logros súmase o de Alicia Babarro, que con só 15 anos conseguiu o cuarto posto no Campionato do Mundo xuvenil de breaking celebrado en Chengdu, quedando entre as mellores da súa categoría a nivel internacional.
Ante o conxunto destes resultados, os socialistas consideraron oportuno trasladar ao Consello Municipal de Deportes a petición de que a cidade recoñeza de forma institucional o traballo destas deportistas. Segundo explicou a voceira do PSdeG e candidata á Alcaldía, Natalia González, en apenas uns días producíronse dúas medallas nun Mundial, un récord histórico coa selección española e un cuarto posto mundial logrado por unha deportista de só 15 anos, uns resultados que atribuíu ao esforzo e talento individual de cada unha, pero que considerou que tamén supoñen un motivo de orgullo colectivo para Ourense.
A proposta trasladada plantexa que o recoñecemento se realice mediante un acto no que participe toda a Corporación municipal xunto coas propias deportistas, de xeito que a homenaxe non quede vinculada a ningún partido político concreto. González, que tamén é secretaria xeral do partido en Ourense, insistiu ademais na importancia de aproveitar a repercusión destes éxitos para dar maior visibilidade ao deporte feminino e achegar a nenas e mozas referentes deportivos próximos e reais.
Nesa liña, a voceira socialista subliñou o interese en que estes logros non se limiten a unha felicitación puntual, senón que sirvan para que as nenas da cidade coñezan as traxectorias destas catro deportistas e poidan identificarse coas súas historias. Remarcou así mesmo que recoñecer estes resultados implica tamén mirar cara ao futuro, de xeito que calquera nena que hoxe se inicie no baloncesto, no fútbol sala ou no breaking poida atopar no seu contorno referentes que demostren que, tamén desde Ourense, é posible chegar á elite mundial.