O PSOE de Ourense pide unha reforma "integral" das axudas de libros e comedor tras deixar fóra a centos de familias

OurenseXa
Natalia González cualifica de "inaceptable" que moitas familias que cumpren os requisitos queden sen axuda e reclama a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais para renovar as bases
natalia-gonzalez-psoe-ourense
26 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista esixiu ao goberno local de Ourense que revise en profundidade as bases que regulan as axudas municipais de libros, material escolar e comedor, despois de que os últimos datos publicados amosen que unha parte moi significativa das solicitudes queda fóra destas convocatorias pese a cumprir os criterios establecidos.

Segundo os datos difundidos polo propio grupo, máis do 78 % das peticións para libros e material escolar non obtiveron resposta positiva: de máis de 700 solicitudes presentadas, só 152 familias resultaron beneficiarias, cunha partida municipal de 25.000 euros. No caso do comedor escolar, a situación é semellante: admitíronse 415 solicitudes, 77 quedaron en lista de espera e 550 foron rexeitadas.

Estas cifras van na mesma liña do que outras formacións políticas xa viñan denunciando. De feito, o BNG xa alertara de que decenas de familias con ingresos mínimos volvían quedar sen a axuda de comedor ao inicio de curso, pese a cumprir os requisitos económicos esixidos, e reclamara ampliar a partida e subir o límite de renda per cápita que dá acceso a estas axudas.

A voceira socialista, Natalia González, cualificou de "inaceptable" que centos de familias queden excluídas das axudas e insistiu en que o problema non se pode resolver convocatoria tras convocatoria, senón que require unha revisión estrutural. "Non queremos poñer un parche cada ano. Queremos sentarnos, analizar a realidade das familias ourensás e deseñar unhas bases novas, máis xustas, máis eficaces e capaces de chegar a quen realmente necesita este apoio", sinalou.

Por iso, o PSOE reclamou a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais para iniciar, coa participación de profesionais e entidades do sector, a elaboración dunhas novas bases adaptadas á realidade social e económica actual da cidade. Entre os aspectos que consideran necesario revisar figuran os limiares económicos de acceso, os criterios de valoración, as contías das axudas, os cursos educativos incluídos e a propia dotación orzamentaria.

González lembrou que se trata dunha reivindicación histórica da súa formación, que leva anos pedindo a modificación das bases e o incremento das partidas destinadas a estas axudas. "Levamos anos advertindo de que estas bases precisan unha revisión. Hoxe os datos volven demostrar que tiñamos razón. Pero non queremos quedarnos na crítica: queremos ofrecer unha solución", subliñou.

A edil socialista concluíu reclamando "unhas novas bases, máis recursos e unha política municipal de apoio ás familias á altura das necesidades da cidade".

0.20528602600098