O PSOE de Ourense reclama garantías para persoal e usuarios ante un posible traslado de servizos a La Molinera

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense reclamou que o edificio de La Molinera manteña unha vocación ligada á innovación, á tecnoloxía e á formación, en lugar de pasar a funcionar como unha simple sede administrativa. A formación insiste en que esta era xa a súa proposta hai un ano, cando unha iniciativa nese sentido foi aprobada pola Corporación municipal.
A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, considera que o edificio debería seguir sendo un punto de referencia para xerar oportunidades vinculadas á mocidade, ao emprendemento e ao talento na cidade, e critica que o goberno local pareza optar por darlle un uso puramente administrativo.
A tamén secretaria xeral do partido na cidade recorda que, nos últimos tempos, o executivo municipal foi deixando de lado o proxecto orixinal, despois de presentalo en su momento como unha referencia tecnolóxica e de chegar a anunciar a posta en marcha dun centro dedicado á intelixencia artificial.
Neste contexto, o grupo municipal amosa dúbidas sobre o posible traslado da Concellería de Educación ao inmoble, ao non coñecerse aínda como afectaría esta decisión ao persoal, aos servizos que se prestan e ás persoas que os utilizan. Segundo sinalan, non se trata simplemente dun cambio de despachos, senón dun proceso que implica a traballadoras e traballadores, así como a familias e entidades que dependen destes servizos a diario.
Por iso, a formación quere saber cantos empregados e empregadas se verían afectados polo traslado, que departamentos e servizos pasarían a ocupar o edificio, se se manterían os programas actuais e se a nova ubicación suporía cambios na atención ofrecida á cidadanía. Con este obxectivo, os edís socialistas rexistraron unha solicitude de información dirixida ao goberno municipal para que dea conta destes aspectos.
O grupo municipal insiste en que calquera decisión sobre a ubicación de servizos municipais debe tomarse tendo en conta, en primeiro lugar, ás persoas usuarias, ao persoal que traballa nas instalacións e á cidadanía que precisa acceder a eses servizos públicos. Defenden, ademais, que o futuro de La Molinera debería seguir ligado á innovación, á tecnoloxía e á creación de oportunidades, especialmente para a mocidade e para quen queira desenvolver novos proxectos na cidade.