o PSOE de Pontedeva denuncia unha suba electoralista do gasto en obras e esixe explicacións sobre 290.000 euros pendentes de cobro

OurenseXa
O grupo socialista votou en contra das contas municipais por consideralas fóra de prazo, cun marcado cálculo electoral e sen aclarar a situación de varios centos de miles de euros que o Concello ten sen recadar
grupo provincial e PSOE Pontedeva
Imaxe de arquivo
15 Oct 2026

O Grupo Municipal Socialista de Pontedeva opúxose aos orzamentos de 2026, finalmente aprobados en solitario polo Partido Popular no pleno celebrado esta semana. Dende o PSdeG-PSOE sosteñen que as contas se presentaron fóra de prazo, que responden a un claro interese electoral e que non despexan as dúbidas sobre varias partidas de ingresos que o consistorio aínda non cobrou.

O voceiro socialista, Antonio Vázquez Ferreira, puxo o acento no notable incremento da inversión en obras previsto para o vindeiro exercicio, xustamente no ano previo ás eleccións municipais. Segundo os datos achegados, o orzamento total pasa de 363.000 euros en 2025 a 742.000 euros en 2026, é dicir, máis do dobre. Para o edil, esta diferenza tan marcada resulta chamativa e responde, ao seu xuízo, a un patrón que se repite: "Parece que o alcalde e o PP só se lembran de realizar inversións en Pontedeva cando se achegan as eleccións. Durante o resto do mandato asistimos a unha parálise que contrasta coas cifras que agora nos presentan".

Os socialistas insisten en que o municipio si precisa de investimentos que melloren os servizos e a calidade de vida da veciñanza, pero cuestionan que ese impulso chegue precisamente ao final do mandato, sen que existise unha planificación continuada no tempo. Vázquez Ferreira lamenta que non se pode ter o concello abandonado durante anos e pretender que agora, cun aumento tan notable nas partidas de obras, se esqueza a falta de xestión anterior.

"Unhas contas que chegan tarde"

Outro dos argumentos esgrimidos polo PSdeG-PSOE ten que ver co calendario. O feito de que os orzamentos de 2026 se aproben en outubro, xa avanzado o ano, evidencia para os socialistas unha falta de planificación e de capacidade de xestión por parte do goberno local, xa que impide que as contas funcionen como unha verdadeira ferramenta de planificación dende o comezo do exercicio.

O voceiro socialista foi contundente ao respecto: "Estes orzamentos chegan tarde, mal e arrastro. Non abonda con presentar agora unhas cifras de investimento moi elevadas, hai que explicar por que non se planificaron antes e que se fixo durante todos estes anos para impulsar Pontedeva".

"Máis de 290.000 euros sen aclarar"

A segunda gran preocupación trasladada polo grupo socialista afecta a unha partida superior aos 290.000 euros en dereitos pendentes de cobro, cualificados como de dubidoso cobro, que xa figuraba en exercicios anteriores —entre eles o orzamento de 2024— e que, porén, non aparece reflectida nas novas contas.

Vázquez Ferreira lembra que esta cantidade procede de taxas, impostos e outros ingresos de anos atrás cuxa recadación segue pendente, e esixe ao goberno municipal que aclare a situación real desta débeda, os motivos polos que non se cobrou e que medidas se van adoptar para recuperala. "Estamos a falar de máis de 290.000 euros que o concello arrastra de anos anteriores. Non é unha cantidade menor e non pode desaparecer do debate orzamentario sen unha explicación clara. Queremos saber canto se debe, por que non se cobrou e que vai facer o alcalde para recuperar eses ingresos", reclama o voceiro.

O grupo municipal considera imprescindible que os informes económicos e xurídicos que acompañan os orzamentos detallen adecuadamente esta situación e as medidas previstas, xa que a súa ausencia impide valorar con rigor a saúde económica real do consistorio. Os socialistas lembran ademais que levan tempo pedindo en distintos plenos unha revisión dos padróns de taxas e impostos municipais, co fin de detectar posibles deficiencias e mellorar a recadación, e reclaman que se actúe con transparencia e os mesmos criterios para todos os contribuíntes.

Reclaman coherencia e transparencia

Á marxe das cuestións económicas, o PSdeG-PSOE tamén cuestiona que as bases de execución do orzamento, concretamente a base 31, non inclúan unha partida para compensar os gastos derivados da asistencia dos concelleiros aos plenos, malia que o propio grupo socialista presentou unha moción en decembro de 2024 reclamando esta medida, aprobada daquela por unanimidade. Os socialistas denuncian unha falta de coherencia entre aquel acordo e o contido das novas contas, e piden que se cumpra o aprobado pola corporación.

O grupo socialista tamén mostrou o seu desacordo coa aprobación da acta da sesión anterior, ao considerar que non recollía correctamente algúns aspectos do debate. Segundo denuncian, o alcalde recorreu ao voto de calidade para sacala adiante sen atender as observacións formuladas polo PSOE.

En canto aos orzamentos, finalmente saíron adiante con tres votos a favor e dous en contra —os dos representantes socialistas presentes—, nunha sesión na que foi necesaria a presenza dunha concelleira que apenas acudira a plenos anteriores.

Para o PSdeG-PSOE de Pontedeva, o resultado confirma que o Partido Popular opta por sacar adiante unhas contas que non resolven as dúbidas formuladas pola oposición. "Pontedeva necesita investimentos, pero tamén planificación, transparencia e unha xestión rigorosa dos cartos públicos. Non imos apoiar uns orzamentos que chegan no último tramo do ano, cun evidente perfil electoralista e sen aclarar cuestións económicas tan importantes como os máis de 290.000 euros pendentes de cobro", conclúe Vázquez Ferreira.

0.14593696594238