O PSOE logra o apoio do pleno para recuperar a antiga Casa de Baños tras o incendio

OurenseXa
A iniciativa pretende impulsar a posta en valor deste inmoble, considerado un dos elementos máis representativos do patrimonio termal ourensán
casa-de-baños-outeiro-ourense
5 Jun 2026

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense conseguiu este venres sacar adiante dúas iniciativas no pleno municipal destinadas á protección do patrimonio histórico da cidade e á mellora da xestión dos espazos públicos. Ambas propostas recibiron o respaldo de PP e BNG, mentres que Democracia Ourensana optou pola abstención.

Segundo destacou a formación socialista, as medidas aprobadas buscan dar resposta a cuestións que afectan directamente á veciñanza e que, ao seu xuízo, levan demasiado tempo sen unha solución efectiva por parte do goberno local. A portavoz municipal, Natalia González Benéitez, sinalou que “non se trata de grandes titulares, senón de resolver problemas reais que a xente leva tempo sufrindo e que non poden seguir esperando”.

Un dos acordos aprobados céntrase na rehabilitación e recuperación da antiga Casa de Baños, tras o incendio rexistrado na madrugada do pasado 15 de maio. A iniciativa pretende impulsar a posta en valor deste inmoble, considerado un dos elementos máis representativos do patrimonio termal ourensán.

Durante a súa intervención, González Benéitez afirmou que o lume evidenciou “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade, que sufríu importantes danos estruturais e xerou unha forte preocupación social”.

A portavoz socialista tamén incidiu na existencia de liñas de financiamento que poderían contribuír á recuperación do edificio. “Hai financiamento estatal e europeo ao que se pode acceder, pero require vontade política e capacidade de xestión. Un exemplo desas liñas de axuda son as que se destinan dende o Ministerio para a rehabilitación do patrimonio histórico e turístico”, explicou. Ademais, criticou que o executivo municipal non estea aproveitando estes recursos mentres, segundo dixo, “Ourense queda sepultada entre cascallos”.

A segunda das iniciativas aprobadas ten como obxectivo establecer criterios claros e transparentes para o uso dos espazos públicos municipais. A proposta busca garantir que colectivos, entidades e cidadanía poidan acceder a estes lugares en condicións de igualdade, evitando decisións consideradas arbitrarias.

Desde o PSdeG defenderon que a utilización do espazo público debe rexerse por normas obxectivas e non por intereses políticos. Neste sentido, a portavoz advertiu de que “non podemos permitir que o acceso aos espazos de todos dependa de quen goberna en cada momento; hai que establecer regras claras, iguais e coñecidas para todo o mundo”.

Os socialistas consideran que este acordo contribuirá a unha xestión máis ordenada e equitativa dos recursos municipais e instaron ao goberno local a aplicar as medidas aprobadas coa maior celeridade posible.

Finalmente, o grupo municipal reafirmou a súa intención de continuar presentando propostas de carácter construtivo nos próximos plenos. “O noso compromiso é claro: defender os intereses da cidade con responsabilidade e sen caer en confrontacións estériles, pero tamén sen renunciar a denunciar o que non funciona”, concluíu González.

0.12838006019592