O PSOE logra sacar adiante no Concello de Ourense dúas propostas para recuperar a Banda Municipal e esixir máis transparencia nas contas municipais

OurenseXa
O pleno do Concello de Ourense respalda dúas iniciativas do PSOE: unha reclama un balance público dos investimentos, o remanente e os servizos sen contrato, e outra propón a volta da banda de música como servizo cultural estable
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
4 Sep 2026

O pleno ordinario de setembro do Concello de Ourense celebrado hoxe deu luz verde a dúas iniciativas impulsadas polo grupo socialista. A primeira delas céntrase na rendición de contas do goberno municipal, mentres que a segunda busca reactivar a Banda Municipal de Música como servizo cultural permanente.

Unha moción centrada na transparencia económica

A primeira proposta, defendida pola edil do PSdeG María Fernández, saíu adiante grazas ao apoio de PP e BNG, co voto en contra de Democracia Ourensana (DO). O texto susténtase na preocupación do grupo socialista pola situación económica do Concello e pola existencia de obras, servizos e subministracións con pagamentos ou execucións pendentes.

Durante a súa intervención, a edil socialista lamentou que no Salón de Plenos non sempre se debatan propostas de avance para a cidade e reivindicou que, ao longo de todo o mandato, o seu grupo reclamou máis claridade sobre cuestións do día a día que, na súa opinión, non se explican e xeran un clima de incerteza entre a veciñanza. Citou como exemplos situacións como atrasos no cobro a provedores, obras paralizadas ou danos en edificios patrimoniais, e defendeu que dar explicacións inmediatas cando acontecen este tipo de episodios contribuiría a xerar máis orde e confianza.

En concreto, a moción aprobada - que o PSOE rexistrara días antes do pleno - esixe ao goberno local que, antes do 31 de outubro, faga público un balance de todos os investimentos superiores aos 100.000 euros iniciados durante o actual mandato, detallando o seu orzamento, o financiamento externo recibido, o grao de execución e as cantidades xa aboadas e as que quedan pendentes. Tamén reclama información sobre as modificacións de crédito financiadas co remanente de tesourería desde xuño de 2023, así como un listado dos servizos municipais que se seguen prestando sen contar cun contrato ordinario en vigor.

A concelleira socialista cuestionou ademais o uso que, segundo denunciou, se fai dos contratos menores de forma reiterada, e pediu ao goberno local maior implicación na xestión diaria da cidade.

A iniciativa contempla así mesmo que o Portal de Transparencia municipal incorpore un balance que permita coñecer cantas actuacións foron anunciadas, contratadas, iniciadas, executadas, recepcionadas e aboadas na súa totalidade. Fernández insistiu en que non abonda con anunciar obras ou colocar carteis informativos, senón que é necesario saber que queda pendente e canto custará o mantemento de todo o que se está executando, subliñando que se trata de diñeiro público sobre o que a veciñanza ten dereito a estar informada.

Recuperar a Banda Municipal de Música

A segunda moción aprobada na sesión, presentada pola edil socialista Alba Iglesias e respaldada tamén cos votos favorables de BNG e PP, propón impulsar a recuperación da Banda Municipal de Música de Ourense como un servizo cultural estable. A proposta inclúe reforzar a Escola Municipal de Música e establecer unha conexión entre ambas as entidades, de xeito que a banda poida funcionar tamén como espazo de formación práctica para o alumnado.

O texto recolle ademais a recuperación do uso cultural e musical do Palco da Alameda, a programación de actuacións nos barrios e en espazos públicos da cidade, e a incorporación nos próximos orzamentos municipais dunha partida económica suficiente e estable que permita poñer en marcha o proxecto.

Na súa intervención, Iglesias lembrou que Ourense é unha das poucas cidades galegas que carece actualmente de banda municipal e respondeu de forma anticipada a posibles comparacións con outras cidades gobernadas polo PSOE que tampouco contan con este servizo, sinalando con ironía que, de aprobarse a moción, trasladaría a mesma petición a eses concellos.

A concelleira defendeu que renunciar a unha banda municipal argumentando que outro tipo de actuacións, como unha orquestra ou un DJ, teñen máis aceptación, equivale a privar á mocidade dun proxecto formativo, insistindo en que detrás desta iniciativa hai tamén unha dimensión educativa que non debería perderse de vista.

Iglesias explicou que o modelo que propón o seu grupo pasa por unha unión conveniada entre a banda e a escola de música, con persoal profesional e coa posibilidade de que o alumnado máis destacado ou con proxección poida integrarse na banda da cidade, a cambio dalgún tipo de axuda ou bolsa que fomente a súa dedicación á música. Finalmente, defendeu que a desaparición da banda non respondeu a unha falta de interese veciñal, senón á xubilación dos seus músicos e á falta de convocatoria de novas prazas, o que levou a que o servizo se fose extinguindo co tempo.

0.12318396568298