O PSOE pregunta a Jácome onde están as 330 bicicletas eléctricas pagadas con fondos europeos

OurenseXa
A formación reclama garantías sobre a custodia e o mantemento das bicicletas, mercadas dentro dun proxecto de máis de 1,2 millóns de euros que acumula atrasos e podería non entrar en servizo ata o vindeiro mandato
Pleno Concello de Ourense
Imaxe de arquivo
9 Nov 2026

O grupo municipal socialista de Ourense pediu explicacións ao goberno local sobre o paradoiro das 330 bicicletas eléctricas xa adquiridas polo Concello, así como sobre quen se responsabiliza da súa custodia e que medidas se están a tomar para conservalas en bo estado mentres seguen sen utilizarse.

A petición chega despois de que, durante o último pleno, o executivo local respondese a unha pregunta da concelleira socialista Olalla Meiriño recoñecendo que aínda queda por tramitar unha ordenanza municipal e, despois, sacar a licitación a xestión do servizo. Isto implica que a súa posta en marcha se prolongará, como mínimo, outro medio ano.

Dende o PSOE lembran que, xa no mes de setembro, o goberno local asegurara que o proceso de licitación se abriría nun prazo de dúas semanas, un prazo que, segundo denuncian os socialistas, non se cumpriu. Ao seu xuízo, de manterse este ritmo, o servizo de bicicletas podería acabar implantándose xa no vindeiro mandato.

Máis de 1,2 millóns de euros en xogo

O proxecto conta cun orzamento total de 1.258.400 euros. Desa cantidade, 279.286,91 euros proceden dos fondos europeos Next Generation, xestionados a través do Goberno central, mentres que os 979.113,09 euros restantes son achega municipal.

Os socialistas subliñan que se trata dun investimento público considerable destinado a un servizo que, de momento, non está a prestar ningunha utilidade á veciñanza. Por iso, solicitaron información detallada sobre o lugar exacto onde se almacenan as bicicletas, as condicións en que se conservan, os sistemas de seguridade implantados para evitar roubos ou danos, e o plan de mantemento previsto para que non se deterioren —especialmente as súas baterías— durante os meses que sigan paradas.

Preocupación pola subvención europea

O grupo municipal tamén puxo o foco no risco que os atrasos poderían supor para o financiamento europeo obtido. Esixen ao goberno local que confirme que estes atrasos non porán en perigo a subvención concedida e que explique en que fase se atopa o proceso de xustificación dos fondos ante Europa.

A candidata socialista á Alcaldía, Natalia González Beneitez, insistiu en que o financiamento europeo está pensado para modernizar servizos públicos coma este, pero advertiu de que o seu aproveitamento depende da capacidade do Concello para executalo a tempo. Segundo as súas palabras, non se pode seguir acumulando demoras nin arriscar a continuidade deste tipo de axudas.

0.18160700798035