O salón de plenos do Concello de Ourense acolle a recepción oficial dos integrantes do Coro do Canto de Quimper

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá mañá, venres 24 de abril, o espectáculo “Canto General”, interpretado polo Coro do Canto da cidade francesa de Quimper, irmandada con Ourense. A actuación comezará ás 20:00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo, e contará tamén coa participación da Coral de Ruada.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos á presidenta da agrupación, Frédérique Aguillon, ao director musical Pierre-Emmanuel Clair e aos integrantes do coro, no marco da visita vinculada ao irmandamento entre ambas cidades.
Durante o encontro, o rexedor deulles a benvida e desexoulles unha boa estadía na cidade, destacando a importancia do intercambio cultural. “É un pracer que representantes da cidade irmandada estean en Ourense durante estes días”, sinalou, animándoos a gozar tanto do concerto como da gastronomía e dos atractivos turísticos locais.
Pola súa banda, a presidenta do coro amosou a súa satisfacción por actuar na cidade e afirmou que “estamos orgullosos e felices de cantar o Canto General na cidade irmandada”, agradecendo ademais a oportunidade de presentar este proxecto no “magnífico” auditorio ourensán. Tamén expresou a súa alegría por compartir escenario coa Coral de Ruada.
O concerto contará con arredor de corenta intérpretes, acompañados por piano e percusión, baixo a dirección de Pierre-Emmanuel Clair. O programa céntrase na obra “Canto General”, composta por Mikis Theodorakis a partir de textos do poeta Pablo Neruda.
Trátase dunha obra de gran formato que percorre a historia e os destinos dos pobos de América, abordando temas como o nacemento, a loita, o sacrificio ou a esperanza. A música de Theodorakis, marcada por cambios rítmicos e unha forte carga emocional, acompaña os versos de Neruda con contrastes de intensidade, nostalxia, forza, tenrura e contemplación.
O Coro do Canto actuou en diversas cidades de Francia, Grecia e Crimea, e a súa presenza en Ourense reforza os lazos culturais entre a capital ourensá e a cidade bretoa de Quimper.