O sector da construción reclama un maior compromiso co investimento público en Ourense tras a caída da licitación

A evolución da licitación pública durante o primeiro semestre de 2026 situou a provincia de Ourense nun escenario que preocupa ao sector da construción. Segundo os datos difundidos pola Federación Galega da Construción, o volume de obra pública licitada na provincia reduciuse ata os 47,43 millóns de euros, fronte aos 89,23 millóns rexistrados no mesmo período do ano anterior, o que supón un descenso do 46,85 %. Ademais, Ourense foi a única provincia galega que experimentou unha caída, mentres A Coruña, Lugo e Pontevedra incrementaron os seus investimentos.
A situación resulta especialmente significativa no caso da Administración autonómica. A pesar de que a licitación promovida pola Xunta aumentou no conxunto de Galicia, en Ourense pasou de 30,44 millóns a 9,30 millóns de euros, cunha redución superior ao 69 %. Pola súa banda, a contratación impulsada polo Estado tamén diminuíu, situándose en 11,51 millóns de euros, case un 35 % menos que no primeiro semestre de 2025.
Outro dos indicadores que máis inquieta ao sector é a contratación de servizos relacionados coa construción. Neste apartado, o importe licitado na provincia pasou de 42,03 millóns a apenas 1,49 millóns de euros, o que representa un descenso do 96,45 %.
Desde o empresariado da construción aseguran que estes datos deben interpretarse con responsabilidade, conscientes de que a licitación pública pode variar en función da execución de grandes proxectos. Con todo, consideran que a magnitude das cifras evidencia un desequilibrio que require unha reflexión sobre o peso de Ourense na planificación das inversións públicas.
O colectivo insiste en que a reivindicación non pretende cuestionar os investimentos noutras provincias, senón reclamar que Ourense dispoña dun volume de recursos acorde coa súa realidade territorial e cos retos que afronta en materia de infraestruturas, vivenda, mobilidade, rehabilitación, servizos públicos, actividade económica e loita contra o despoboamento.
Neste contexto, o sector solicita ás distintas administracións —Estado, Xunta, Deputación e concellos— unha maior coordinación e o deseño dunha planificación plurianual que permita desenvolver proxectos con financiamento garantido e prazos definidos. Os empresarios subliñan que a provincia conta con compañías preparadas e profesionais cualificados para asumir novas actuacións, pero consideran imprescindible dispoñer dunha carteira estable de obras que favoreza o emprego, impulse a actividade económica e contribúa ao equilibrio territorial de Galicia.