O segunda edición do Open Cidade de Ourense reúne unha trintena de promesas do tenis masculino e feminino

GaliciaXa | OurenseXa
O torneo disputarase até o 28 de xuño no Club Santo Domingo e en Padelprix Ourense
presentacion-open-cidade-de-ourense
23 Jun 2026

A Praza Maior acolleu esta mañá a presentación do II Open Cidade de Ourense de Tenis, unha competición que se desenvolverá ao longo desta semana entre o 22 e o 28 de xuño e que reunirá unha trintena de xogadores e xogadoras novas no panorama estatal.

O torneo, de categoría 1.000, está integrado no circuíto nacional da Real Federación Española de Tenis e repartirá un total de 5.000 euros en premios. A organización corre a cargo da Federación Galega de Tenis, coa colaboración do Concello de Ourense, o Club Santo Domingo, Padelprix Ourense, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e distintas empresas.

Na presentación participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o deputado provincial Jorge Pumar; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente do Club Santo Domingo, Alfonso Junco; o representante de Padelprix, Iago Laredo; o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; e a directora do torneo, Elsa Corral.

Nesta segunda edición incorpórase como novidade a categoría feminina, que se disputará nas instalacións de Padelprix, mentres que a competición masculina terá lugar no Club Santo Domingo. Cada unha das categorías contará cun premio de 1.000 euros para a persoa gañadora.

Segundo explicou o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, o obxectivo do torneo é favorecer a promoción do deporte base e dar oportunidade a xogadores en formación ou emerxentes para competir a nivel estatal. En total, participarán 20 tenistas na categoría masculina e 10 na feminina, procedentes principalmente de Galicia e tamén de comunidades próximas como Asturias.

O campionato disputarase por eliminatorias directas e concluirá o domingo 28 de xuño. As finais xogaranse ese día, coa entrega de premios prevista a media mañá na categoría feminina e a mediodía na masculina.

0.12766289710999