O subdelegado do Goberno anima a participar na carreira solidaria “Ruta 091” a favor da Asociación Bicos de Papel

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, anima á cidadanía a participar na carreira solidaria “Ruta 091”, unha iniciativa organizada pola Policía Nacional que se celebrará o próximo 10 de maio na cidade e cuxa recadación irá destinada á Asociación Bicos de Papel, que apoia a nenos e nenas con cancro e ás súas familias.
A presentación da proba tivo lugar na Comisaría Provincial de Ourense, coa presenza do comisario xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez. Durante o acto, Santos felicitou á Policía Nacional pola organización desta iniciativa solidaria, á que se referiu como “exemplo dos valores democráticos da institución e do seu compromiso coa inclusión social e a promoción do deporte”. Ademais, destacou que, máis aló do seu labor en materia de seguridade, o corpo policial “achégase máis á cidadanía con iniciativas como esta”.
O subdelegado subliñou tamén a importancia do destino solidario da recadación nesta terceira edición, dirixida á Asociación Bicos de Papel, á que definiu como “unha entidade que realiza unha labor imprescindible para mellorar as vidas dos nenos e nenas hospitalizados con cancro e das súas familias”. Neste sentido, sinalou que “a través de cada inscrición estaremos axudando a una asociación que promove melloras na atención e que precisa financiamento para continuar cos seus proxectos”.
Así mesmo, defendeu o carácter solidario e saudable da iniciativa, ao afirmar que coa participación na carreira “gañamos todos” e que se trata de “dunha acción solidaria mediante unha actividade saudable”. Engadiu ademais que “con esta iniciativa, transformamos a enerxía do deporte en esperanza e apoio aos que máis o precisan”.
A carreira “Ruta 091” contará con dúas modalidades: unha proba de adultos que comezará ás 10:30 horas do 10 de maio, cun percorrido de 5 quilómetros e unha duración aproximada de 50 minutos e, posteriormente, ás 11:30 horas, celebrarase a carreira infantil e inclusiva, cun percorrido de 1 quilómetro e unha duración de 15 minutos.
As inscricións están abertas a través da web www.ruta091.es
e poderán realizarse ata o 5 de maio ás 23:59 horas. A saída estará situada na Glorieta da Policía Nacional.
O prezo da inscrición é de 12 euros para a categoría de adultos, cun máximo de 750 participantes ampliable segundo a demanda, e de 10 euros para a categoría infantil e inclusiva (de 0 a 14 anos). Tamén se habilita o “Dorsal 0”, destinado a achegas voluntarias para quen desexe colaborar sen participar na carreira.