O Templo da Veracruz do Carballiño recibe de Alemaña un órgano valorado en medio millón de euros e varias pezas de culto

OurenseXa
Dúas parroquias da cidade alemá de Bochum doan ao templo carballiñés unha reliquia, dúas imaxes e numerosos bens litúrxicos, ademais dun órgano de gran valor cuxa instalación se completará a comezos de 2027
doazón parroquias Bochum Templo Veracruz O Carballiño
6 Nov 2026

O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu esta mañá a recepción oficial dos representantes de dúas parroquias da cidade alemá de Bochum, Santa María e Santa Teresita, que realizaron unha importante doazón de bens litúrxicos e patrimoniais ao Templo da Veracruz.

Ao acto acudiron o alcalde en funcións, José Castro-Gil, xunto aos concelleiros de Turismo, Manuel Dacal, e de Educación, Lorena Castro, que recibiron á delegación alemá acompañada polo párroco carballiñés, Jorge Juan Pérez. Durante o encontro, Castro-Gil agradeceu o xesto das dúas comunidades relixiosas, salientando que as súas achegas supoñen un enriquecemento non só para o templo, senón tamén para o conxunto do municipio e da comarca. O rexedor entregou ademais varios agasallos aos visitantes como mostra de agradecemento e dos lazos de irmandamento establecidos entre ambas as comunidades.

Entre os bens doados pola parroquia de Santa María destaca unha reliquia, que pasará a ser a terceira que custodia o templo, así como un amplo conxunto de elementos destinados ao culto: cálices, custodias, alfombras, lampadarios e reclinatorios, entre outros obxectos. A iso súmanse dúas imaxes relixiosas: unha talla da Virxe do Perpetuo Socorro e o Cristo que actualmente preside a Porta Santa do templo xubilar.

Pola súa banda, a parroquia de Santa Teresita de Bochum foi a encargada de doar o elemento de maior valor económico: un órgano tasado en aproximadamente medio millón de euros. O párroco Jorge Juan Pérez quixo salientar a súa gratitude cara a ambas as comunidades alemás, sinalando que a súa xenerosidade e esforzo deixarán unha pegada duradeira. Os representantes das parroquias xermanas, pola súa parte, amosaron a súa satisfacción por atopar un destino onde estes bens patrimoniais poderán seguir tendo vida e uso relixioso.

A orixe desta doazón remóntase a unha estancia do párroco do Carballiño en Alemaña, país onde imparte exercicios espirituais desde hai varios anos. Segundo explicou, foi en maio cando relixiosas vinculadas á misión española lle trasladaron a posibilidade de facerse cargo destes bens, ante o peche previsto da parroquia de Santa María. A comunidade alemá preferiu que o seu patrimonio tivese continuidade noutra parroquia antes que proceder á súa venda. A raíz dese primeiro contacto, articulouse tamén a cesión do órgano por parte da parroquia de Santa Teresita.

Canto á chegada do instrumento musical ao Carballiño, estaba inicialmente prevista para unha data anterior, pero atrasouse debido á apertura do Ano Santo Xubilar. Actualmente, o traslado está fixado para o día 17 de novembro. Segundo detallou o párroco, o órgano componse de máis de 300 caixas ademais da consola, polo que o seu transporte requirirá un tráiler propio.

Unha vez chegue ao seu destino, a montaxe correrá a cargo dunha empresa especializada e prolongarase durante aproximadamente un mes ou mes e medio, dado que o proceso implica o ensamblaxe, afinado e tratamento de máis de 1.200 tubos. Segundo as previsións, o obxectivo é que o órgano poida estar plenamente operativo a finais de xaneiro de 2027.

0.16423416137695