O tráfico regresa á rúa Pena Trevinca tras finalizar a súa remodelación integral

A rúa Pena Trevinca recuperou este xoves a normalidade coa súa reapertura total ao tráfico, unha vez rematadas as obras de remodelación levadas a cabo polo Concello de Ourense tras o afundimento rexistrado a comezos deste ano.
Ao acto de reapertura asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto con concelleiros e concelleiras do goberno municipal.
Segundo explicou o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, a causa do afundimento estivo nas fisuras dun colector de máis de 50 anos de antigüidade que discorría baixo a calzada.
O edil destacou que “unha das partes máis importantes desta obra non se vai ver”. Referiuse así á reparación da infraestrutura hidráulica, que cualificou como unha “obra hidráulica practicamente única de momento en España a nivel de manga, cunha galería de 1 metro por 1 metro e de tanta extensión, colocada e curada con luz ultravioleta”.
Ademais da actuación subterránea, o Concello aproveitou a intervención para remodelar a superficie da rúa. Segundo indicou Lorenzo, executouse “unha humanización do estilo que levamos facendo en moitas rúas da cidade, como Celso Emilio Ferreiro, para gañar zonas verdes e espazos de descanso”.
As obras incluíron tamén a substitución da baldosa hidráulica por pedra e o asfaltado da rúa ata o cruzamento con Pardo Bazán, debido á deterioración que sufrira a vía durante a execución dos traballos.
O concelleiro de Obras Públicas salientou que a actuación se completou no que desde o goberno municipal consideran un “tempo récord”, a pesar de que no mes de xaneiro dende o propio concello aseguraban que o prazo estimado dos traballos sería de dous meses.