O Trail Ribeira Sacra celebrou o seu décimo aniversario con máis de 500 participantes procedentes de oito países

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Jesús Gil García e Carolina Niño gañaron a proba de 48 quilómetros, nunha edición que incorporou por primeira vez carreiras infantís e xuvenís e homenaxeou as tres persoas que completaron todas as convocatorias
Tail-ribeira-sacra-foto-de-matias-novo
Trail Ribeira Sacra. Imaxe de Matías Novo
12 Oct 2026

Luíntra acolleu este domingo a décima edición do Trail Ribeira Sacra (TRS), unha convocatoria que reuniu 537 persoas inscritas de oito países. A carreira principal, de 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo, comezou ás 8.00 horas, aínda de noite, coa saída das persoas participantes equipadas con frontais. O percorrido atravesou lugares como o Miradoiro da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes de regresar a Luíntra.

Na categoría masculina, a vitoria foi para Jesús Gil García, que completou a proba en 5 horas, 9 minutos e 18 segundos. Alejandro Mayor Guzmán, cun tempo de 5 horas, 25 minutos e 28 segundos, ocupou a segunda posición, mentres que Gabriel Zarrete Vilela foi terceiro con 5 horas, 27 minutos e 32 segundos.

Na clasificación feminina impúxose Carolina Niño, cun rexistro de 6 horas, 29 minutos e 22 segundos. Lucía Peón Santomé foi segunda, con 6 horas, 54 minutos e 4 segundos, e Cristina Sellers Asensio completou o podio cun tempo de 6 horas, 58 minutos e 17 segundos. Esta edición acadou tamén a maior participación feminina da historia da carreira, con 106 mulleres inscritas.

Tras cruzar a meta, Jesús Gil destacou o vínculo que mantén coa proba e coa organización. “Es una carrera a la que le he cogido mucho cariño, me tratáis super bien y siempre lo digo, aquí vendré a correr o como voluntario”, sinalou.

A décima edición incorporou por primeira vez actividades específicas para a infancia e a mocidade. Ás 11.00 horas celebrouse o TRS Rapaces, unha carreira lúdica e non competitiva de 1,3 quilómetros para participantes de entre 10 e 17 anos. Media hora despois foi a quenda do TRS Cativos, cun percorrido de 800 metros para nenas e nenos de ata nove anos. As dúas propostas reuniron numerosas familias en Luíntra.

A xornada incluíu tamén unha homenaxe a Chus Ojea, Rubén Calvo e Paulino de Abreu, as tres persoas que completaron as dez edicións do Trail Ribeira Sacra. A organización entregoulles un recordo en recoñecemento a este logro, nun acto acompañado polos aplausos do público.

O presidente do grupo organizador, Diego Novelle, agradeceu a participación das corredoras e corredores, o traballo de máis dun cento de persoas voluntarias, o apoio da veciñanza e a colaboración das institucións. “Hoy hemos vivido lo que es el TRS: una carrera, sí, pero sobre todo una gran familia. Gracias a cada corredora y cada corredor, a los más de cien voluntarios y voluntarias, a los vecinos y vecinas que salen a animar y a las instituciones que nos acompañan. Diez años después, el espíritu TRS sigue más vivo que nunca”, afirmou.

A programación da décima edición completouse coa Gastroexperiencia TRS na Praza Maior de Luíntra, con diferentes puntos de degustación, sete selos de Galicia Experiencias de Calidade e un espazo dedicado ás especialidades de Ourense e aos produtos de Nogueira de Ramuín. O peche festivo estaba previsto para a noite, cun concerto de folk rock de Bruxo Queiman ás 20.30 horas e a actuación de A Gramola ás 23.00 horas.

A organización agradeceu a colaboración do Concello de Nogueira de Ramuín, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Parador de Santo Estevo, Protección Civil e as entidades patrocinadoras, así como o traballo do voluntariado. As clasificacións completas e a galería fotográfica están dispoñibles na web oficial, trailribeirasacra.es.

0.16164302825928