O Tribunal de Instancia de Ourense volve dar a razón ao Concello no litixio do edificio anexo aos Franciscanos

OurenseXa
A xustiza desestima o recurso da promotora e avala o arquivo da solicitude de modificación da licenza de obra, nun caso que suma xa cinco resolucións favorables ao Concello
Concello_Ourense_recurso_2
27 May 2026

O Tribunal de Instancia de Ourense ditou unha nova sentenza favorable ao Concello no litixio relacionado co edificio anexo aos Franciscanos, ao desestimar o recurso presentado pola empresa promotora. A resolución confirma o arquivo da solicitude de modificación da licenza de obra concedida en 2013 para o inmoble situado na rúa Xoaquín Lorenzo “Xocas” con Cardenal Quevedo.

Trátase da quinta resolución xudicial que dá a razón ao Concello neste procedemento urbanístico, no que a xustiza avala de novo a actuación da área de Urbanismo na tramitación do expediente.

O tribunal conclúe que non é legalmente posible empregar a figura da modificación de licenza para validar cambios substanciais xa executados nun edificio rematado. Na sentenza sinálase que “a figura da modificación da licenza, que presupón unha obra en execución e un control previo por parte da Administración, non pode ser utilizada para convalidar, a posteriori, desviacións substanciais da legalidade urbanística xa consumadas”.

O conflito remóntase a 2013, cando a promotora obtivo licenza para a construción do inmoble. Segundo consta no procedemento, a obra executouse con desviacións respecto ao proxecto autorizado, incluíndo excesos de volume e edificabilidade. Ao non axustarse ao permitido, o Concello denegou a licenza de primeira ocupación, decisión que a empresa recorreu sen éxito nos tribunais.

Posteriormente, en setembro de 2023, a promotora solicitou unha modificación da licenza inicial para tratar de dar cobertura ás alteracións xa realizadas, mediante o denominado “Modificado nº4”. O Concello decretou o arquivo da solicitude en febreiro de 2024 ao considerar que non procedía tramitar modificacións sobre unha obra xa finalizada.

A nova sentenza ratifica esa decisión municipal e impón á empresa o pagamento das costas procesuais.

0.12119817733765