O VI Congreso Internacional do Campus Auga abordará o uso de tecnoloxías aeroespaciais na xestión ambiental e agraria

GaliciaXa | OurenseXa
A edición deste ano preséntase baixo o lema “Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais” e terá lugar os días 8 e 9 de outubro
Campus_Auga_Ourense
31 May 2026

O Campus Auga celebrará os próximos 8 e 9 de outubro a sexta edición do seu congreso internacional no campus de Ourense, unha cita que este ano estará centrada na aplicación da innovación aeroespacial á xestión do medio ambiente e do ámbito agrario.

O encontro, organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo xunto coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, enmárcase no proxecto Campus Auga, co apoio da Xunta de Galicia e o patrocinio da Deputación de Ourense.

A edición deste ano preséntase baixo o lema “Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais” e propón analizar o papel das tecnoloxías aéreas e espaciais nun contexto marcado polo cambio climático, a presión sobre os recursos naturais e a necesidade de avanzar cara a modelos máis sostibles.

Segundo a organización, o congreso pretende ofrecer unha visión integradora do potencial destas ferramentas, que combinan satélites, plataformas de gran altitude (HAPS), drons e sistemas de teledetección, “ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio”.

O programa estrutúrase en catro grandes áreas de traballo: agricultura de precisión e produción sostible; xestión da auga e recursos naturais; incendios forestais e seguridade ambiental; e cambio climático, urbanismo e planificación territorial vinculada á xestión de augas termais.

Durante as sesións abordaranse avances en monitorización agrícola, xestión eficiente da auga, prevención de incendios mediante sistemas de información en tempo real e o uso de modelos preditivos para anticipar riscos ambientais. Tamén se analizará o impacto do cambio climático desde unha perspectiva transversal que integra ciencia, tecnoloxía e políticas públicas.

A organización destaca que o congreso combinará relatorios, mesas redondas, demostracións tecnolóxicas e casos prácticos, co obxectivo de achegar tanto a investigación como as súas aplicacións reais. En palabras do comité organizador, “esta diversidade de formatos permitirá coñecer tanto os fundamentos científicos como as aplicacións prácticas que están a marcar tendencia”.

Máis aló da presentación de resultados, o encontro concíbese como un espazo de colaboración entre sectores para impulsar a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento de solucións innovadoras en materia ambiental.

0.12022805213928