O xulgado decreta o sobreseimento provisional e o arquivo das dilixencias previas da causa polo contrato de xestión do COB

O Tribunal de Instancia de Ourense (Sección de Instrución, Praza número 2) acordou o sobreseimento provisional e o arquivo das dilixencias previas abertas contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o propio Concello, a Deputación de Ourense e dous expresidentes do Club Ourense Baloncesto.
A decisión xudicial prodúcese tras a querela presentada pola empresa Will & Laws Gestión Internacional de Herencias S.L., que atribuía aos denunciados presuntos delitos de estafa, falsidade documental, administración desleal e apropiación indebida no marco do contrato polo que asumiu a xestión do club de baloncesto no ano 2021.
Na súa resolución, a maxistrada rexeita as peticións de nulidade formuladas pola acusación particular e conclúe o arquivo ao considerar que "do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración dos delitos que deron motivo á formación da causa".
O conflito xorde das discrepancias arredor das condicións de entrada da empresa no Club Ourense Baloncesto. Segundo a querelante, antes de xuño de 2021 propúxose que asumise a xestión integral do club, facéndose cargo de débedas e achegando financiamento, a cambio de recibir o 51% das accións mediante unha ampliación de capital a finais dese ano. A empresa sostiña que ese acordo incluía a compensación dos investimentos previos que dicía ter realizado, ao redor de medio millón de euros, sen necesidade de novas achegas. Segundo a súa versión, ese compromiso non se chegou a cumprir.
Porén, o auto xudicial rexeita esa interpretación e afirma de maneira clara que "non consta acreditada a realidade dun engano bastante e antecedente". Engade ademais que o contrato de xestión de xuño de 2021 establecía a obriga de acudir á ampliación de capital "aboando o prezo que se fixe", algo que "dista moito de poder equipararse á capitalización de previas achegas".
A resolución tamén descarta a existencia dos delitos de falsidade, administración desleal e apropiación indebida, ao sinalar que os fondos achegados pola empresa figuran correctamente reflectidos na contabilidade do club como "pasivo financeiro". O auto conclúe que "é na vía civil na que as partes do contrato deberán dilucidar as súas discrepancias sen que sexa posible sen previa decisión das mesmas estimar retido indebidamente diñeiro correspondente á querelante pola mercantil da que son socios ou administradores os querelados”. A decisión non é firme e pode ser recorrida.