Oira celebrará este domingo a ida da previa de Copa do Rei entre o Auriense e o San José de Soria

Este domingo, 27 de setembro, ás 12.00 horas, o campo de Oira será escenario dun partido con moito en xogo: a ida da eliminatoria previa da Copa do Rei entre o Auriense C. A. e o Club Deportivo San José de Soria, un conxunto chegado desde Castela e León para medirse ao equipo local.
Non é un partido calquera. Se o Auriense consegue pasar esta rolda, plantarase ante un rival de Primeira División, algo que non ocorre todos os anos nunha cidade coma Ourense. De aí que o club quixese dar bombo ao encontro cun acto de presentación celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello, baixo o lema 'Ven vivir o soño da Copa do Rei, unha cidade unida pola copa'.
Ao acto achegáronse representantes tanto do Concello coma do club: o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández, acompañaron ao presidente auriensista, Manu Cerón, ao director técnico, César Sánchez, ao adestrador, Dani Prado, e ao capitán do equipo, Sergio Cuña.
O billete para esta rolda previa gañouno o Auriense no céspede, tras facerse coa Supercopa de Galicia a conta do Negreira. Agora toca resolver a eliminatoria copeira, cuxo partido de volta se disputará o domingo 4 de outubro. Quen pase, medirase cun equipo da máxima categoría do fútbol español.
Sergio Cuña non escondía as ganas coas que o vestiario afronta a cita: "Para nós esta eliminatoria é moi ilusionante, porque estamos a un pasiño de xogar contra un Primeira División, e máis diante da nosa xente". O capitán quixo tamén reivindicar o traballo de fondo que fixo posible chegar ata aquí, cunha tempada esixente entre Copa e Supercopa, un mérito que atribuíu por igual ao plantel actual e ao do curso pasado. A súa mensaxe final foi directa: precisan á afección nas bancadas de Oira.
Na mesma liña se expresou o adestrador, Dani Prado, que recoñeceu que o equipo chega "coa ilusión de facer historia para o club". Para o técnico, recibir en Ourense a un rival de Primeira División ten un valor que vai máis alá do resultado deportivo: é unha oportunidade para que o club se dea a coñecer e sume novos seguidores, especialmente se consegue avanzar de rolda. Prado insistiu en que o público é "un activo moi importante" para o Auriense. Sobre o que se pode ver o domingo no terreo de xogo, mostrouse cauto: espera un partido "moi igualado" ante un equipo da súa mesma categoría, aínda que procedente doutra comunidade autónoma, o que pode traducirse nun estilo de xogo distinto. Iso si, quixo deixar claro que o feito de que o San José de Soria chegase ata este punto da competición, igual có Auriense, xa di algo do seu nivel.