Oito mozos do Jiu Jitsu Club Marbel compiten este sábado no Open Nacional Infantil de Castellón

OurenseXa
O club ourensán duplica a súa representación respecto ao ano anterior e afrontará as modalidades de NeWaza, Loita e Dúo na cita valenciana
equipo jiu jitsu Club Marbel Ourense
13 Nov 2026

O Jiu Jitsu Club Marbel desprazará a oito dos seus mozos deportistas ata Castellón de la Plana para tomar parte no II Open Nacional Infantil de Jiu Jitsu ‘Bravo Playa’, que se celebrará este sábado, 14 de novembro, nas instalacións deportivas ‘Chencho’.

A cita supón un salto importante para o club, que presenta o dobre de competidores que na edición anterior do torneo.

Os oito integrantes da expedición ourensá tomarán parte na modalidade de NeWaza, centrada na loita no chan. Nesta categoría competirán Valentina Araújo Cruz (mini benxamín feminino, 33,8 kg), Carla Varela Rodríguez (benxamín feminino, 32,5 kg), Olivia Fernández Pérez (benxamín feminino, 39,7 kg), Alicia Caneiro Basalo (benxamín feminino, 41 kg), Álvaro Seane Laso (alevín masculino, -45 kg), Alicia Pazos Celi (alevín feminino, -40 kg), Carla Seoane Laso (infantil feminino, -52 kg) e Cayetana Lalín Cid (cadete feminino, -70 kg).

Catro deles repetirán participación na modalidade de Loita, disciplina que combina golpes, proxeccións e traballo no chan: Álvaro Seane Laso, Alicia Pazos Celi, Carla Seoane Laso e Cayetana Lalín Cid, todos nas súas respectivas categorías xa mencionadas.

O club galego tamén estará presente na modalidade de Dúo, na que dúas parellas con percorrido internacional repetirán experiencia: Álvaro Seoane Laso xunto a Alicia Pazos Celi, en categoría alevín mixto, e Carla Seoane Laso xunto a Beatriz Nesi, en cadete feminino. A elas sumaranse dúas parellas debutantes en competición: Valentina Araújo Cruz con Carla Varela Rodríguez, en mini benxamín feminino, e Alicia Caneiro Basalo con Olivia Fernández Pérez, en benxamín feminino.

Os técnicos ourensáns Anita Fernández e Felipe Iglesias, este último seleccionador galego na actualidade, explicaron cales son os obxectivos do equipo segundo a experiencia de cada deportista. Segundo indicaron, a idea é “rodar aos máis novos na primeira cita nacional de importancia”, mentres que para quen debuta o propósito é que “desfruten a súa primeira experiencia en competición e ambiente de grupo”. No caso dos competidores con máis traxectoria, o obxectivo pasa por “comprobar a súa progresión tras o traballo de todo o verán”.

A competición desenvolverase nunha xornada de gran intensidade, con combates previstos entre as 09.00 horas e as 19.00 horas do sábado. A expedición do club ourensán ten previsto viaxar o venres para chegar con marxe suficiente á pesaxe oficial.

0.16591596603394