Os deportistas Mario e Iria Monteagudo, naturais de San Cibrao das Viñas, destacan no Campionato de España de Trampolín

Os deportistas Mario e Iria Monteagudo Blanco, naturais de San Cibrao das Viñas, asinaron unha destacada actuación no Campionato de España Divina Seguros e Nacional Base de Trampolín, disputado en Valladolid entre os días 3 e 7 de xuño.
Mario Monteagudo proclamouse campión de España na categoría de sincronismo júnior mixto formando parella con Iván Palacios Miguel, do Concello de Pereiro de Aguiar. Ademais, completou unha notable participación individual cun sétimo posto en trampolín júnior masculino e unha oitava posición en dobre minitrampolín.
Pola súa banda, Iria Monteagudo conseguiu a medalla de bronce en sincronismo mixto infantil xunto á súa compañeira María González Feijoo. Na competición individual, rematou quinta en trampolín infantil feminino e duodécima en dobre minitrampolín infantil feminino.
Os resultados obtidos polos dous irmáns sitúanos entre as promesas destacadas desta disciplina a nivel estatal, tras unha competición que reuniu en Valladolid a algúns dos mellores especialistas do país.