O BNG solicita unha Xunta de Portavoces para abordar a adxudicación do transporte público en Ourense

OurenseXa
Desde o Grupo municipal do BNG entenden necesario que o Goberno Local aporte toda a información sobre os pregos en redacción e sobre as intencións do Executivo local
Luis Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense
11 Jul 2024

No día de onte, a Deputación reunía na Sala de Xuntas do Pazo Provincial a representantes dos Concellos da área de influencia do Concello de Ourense, representantes da Xunta de Galiza e dos Grupos da Oposición para abordar a implementación do transporte comarcal, unha vella demanda tanto da veciñanza coma dos Concellos pero que nunca chegou a materializarse. Reunión na que, o BNG, trasladou a proposta de incluír ao concello de Nogueira de Ramuín e Esgos pola súa cercanía coa cidade e cos polígonos industriais.

O Portavoz municipal Luís Seara sinala que na reunión de onte “avanzáronse cales poderían ser as características do servizo ao tempo que se lle pediu ao Concello de Ourense que aclarase a súa disposición para colaborar coa extensión de liñas e, sobor de todo, saber cando se vai licitar e adxudicar o novo prego de concesión dos buses de Ourense que xa leva caducado varios anos”.

Segundo Seara, “o Concello de Ourense ofreceu a colaboración e indicaron que os novos pregos da concesión estaban a informe de Intervención e polo tanto faríanse públicos o antes posible e que a proposta xa inclúe as características técnicas para incorporar o transporte metropolitano”.

Para o Grupo municipal do BNG esta afirmación, unida a todas as necesidades técnicas, económicas e de loxística que haberá que abordar en futuras reunións, son motivo suficiente como para que, “o Alcalde convoque unha Xunta de Portavoces na que informe pormenorizadamente ao resto de Grupos da Corporación dos avances nos pregos, das principais novidades que introducen, de como está previsto incorporar o transporte metropolitano e de se é preciso aumentar a flota ou o persoal”.

O Obxectivo dos nacionalistas non é outro que “coñecer que é o que se está a facer cun Servizo que ten unha enorme relevancia para a veciñanza e, de ser o caso, mesmo para poder facer algún tipo de aportación que os mellore como xa fixemos na reunión de onte na Deputación”.

Desde o BNG sinalan que solicitáronlle dita reunión ao Alcalde esta mesma mañá a través do Rexistro Xeral do Concello, “agardando unha pronta resposta e que esta sexa a convocatoria da Xunta de Portavoces”.

0.17010498046875