Os participantes do Obradoiro Dual de Emprego de Barbadás melloran as instalación do concello

O Concello de Barbadás acolleu este ano o Obradoiro Dual de Emprego “Concellos Rurais: Barbadás, Castrelo de Miño, Taboadela e Toén”, no que participaron dous grupos de alumno-traballadores nas especialidades de albanelaría e xardinería. Durante este programa formativo, que se desenvolveu entre 2023 e 2024, o alumnado recibiu formación teórica e práctica para a obtención dos certificados de profesionalidade EOC B0108 “Fábricas de Albanelaría” e AGAO 0208 “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes”.
Os traballos realizados nos concellos foron de gran importancia para mellorar a infraestrutura pública e os espazos verdes. No municipio de Barbadás, o equipo de albanelaría efectuou melloras no parque próximo á antiga escola de Bentraces, realizando pequenas reparacións nas gretas do espazo, ampliando a superficie de xogo cun areeiro, instalando pavimento de caucho protector homologado e colocando unha baranda de 16 metros para separar as áreas recreativas e de xogos infantís. Tamén se actuou na área axardinada, onde se instalou un sistema de rego por goteo.
Outra das actuacións destacadas foi a rehabilitación da fonte pública de Parada de Piñor, na que se retirou a cuberta de fibrocemento (uralita) e a estrutura metálica que a sustentaba. Tras reparar as fugas de auga, limpou-se a pedra e instalouse un pavimento adoquinado e enlousado en pedra do país, xunto a novos bancos e boloardos de pedra que substituíron as antigas estruturas de ferro.
No eido da xardinería, os traballos abrangueron diversas zonas do municipio, con poda de árbores, limpeza de áreas verdes e recreativas, e melloras en parques como o de Currás ou o situado baixo a rúa do Areal, onde se plantaron corenta exemplares de photinia e outras especies arbóreas.