Os populares ourensáns esixen que todos os fogares teñan conexión de fibra óptica no 2024

OurenseXa
O Partido Popular de Ourense denuncia os incumprimentos do Goberno de España en relación á instalación de fibra óptica nas zonas rurais de Ourense
pp-ourense-fibra-optica
A secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, xunto á portavoz popular na Deputación, Patricia Torres, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández Movilla
23 Maio 2024

A secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, xunto á portavoz popular na Deputación, Patricia Torres, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández Movilla, compareceu esta mañá na sede central do partido para denunciar que un de cada tres fogares segue sen ter conectividade a internet por este medio, cando xa debería estar instalado no 100% deles.

“O Goberno comprometeuse a que todos os fogares do rural contasen con fibra óptica para 2024, pero a estas alturas do ano os datos reflicten un total incumprimento”, lembrou Sandra Quintas. Ademais da falta de conectividade, a secretaria da xestora provincial, asegurou que “hai que sumar tamén os centos de incidencias que denuncia a veciñanza porque os instaladores non lle poden dar servizo a internet, xa que moitas caixas de conexión instaláronse en lugares que o fan tecnicamente inviable”.

Neste senso, a alcaldesa de Bande, destacou que a súa vez existe un grave problema co mantemento e resolución de incidencias. Despois das instalacións non se realizan as limpezas necesarias da biomasa nos tendidos de fibra óptica, provocando que en cada temporal de vento, chuvia ou neve a caída de polas de árbores sobre os cables ocasione cortes de liña. Así, criticou, “moitas veces deixan sen servizo durante días a poboacións enteiras”.  Ademais, indicou, “sería necesaria unha redundancia da rede troncal, para evitar a perda de servizo en caso de avaria ou mantemento”.

Pola súa banda, Patricia Torres puxo de manifesto que “a día de hoxe hai moito teletraballo e moita xente que necesita conexión, e hai moitos concellos que en 2024 non teñen nin un 20% de conectividade”. Segundo a portavoz popular na Deputación, isto débese a “unha mala planificación á hora de colocar as caixas de conexión e de cumprir as datas”. “Se hai que potencia o rural ten que ser con feitos e non con palabras”, sentenciou.

Na mesma liña, o alcalde de Baños de Molgas lamentou que  “o rural siga xogando en clara desvantaxe”. De feito, o popular asegurou que en concellos como o de Baño de Molgas, “hai persoas que teñen que marchar a vivir a outro lado porque precisan de internet para traballar”.

Como consecuencia, os representantes populares avanzaron a presentación dunha moción en todos os municipios da provincia e na Deputación para instar ao propio Goberno de España a unha actuación urxente que dea solución a este agravio. “Ímoslle esixir que facilite unha cronoloxía das actuacións, que informe cando ten previsto chegar a cubrir as zonas escuras na provincia de Ourense, que informe que ámbito territorial está previsto cubrir coa última convocatoria de axudas e que habilite un sistema de reclamacións para os cidadáns”, concluíu Sandra Quintas.

0.1802191734314