?> Os populares piden un Plan Municipal de Refuxios Climáticos para facer fronte ás temperaturas extremas en OurenseXa

Os populares piden un Plan Municipal de Refuxios Climáticos para facer fronte ás temperaturas extremas

OurenseXa
O Grupo Municipal Popular presentará unha moción no pleno ordinario de maio onde pedirá ao goberno municipal un plan para hacer fronte ás altas temperaturas do verán ourensán
Concello_Ourense_recurso
Concello de Ourense, Praza Maior
Redacción Ourensexa
24 abr 2024

O Grupo Municipal Popular defenderá no pleno ordinario de maio unha moción pedindo ao goberno municipal un Plan Municipal de Refuxios Climáticos para facer fronte ás temperaturas extremas. “A nosa cidade non está adaptada para soportar as vagas de calor porque o alcalde é incapaz de ver e xestionar as necesidades dos veciños, pero as consecuencias de afrontar a calor sen refuxios son realmente preocupantes”, explica a concelleira Inma Moreiras.

Nesta liña, a edil asegura que “o cambio climático xa é unha realidade que sufrimos na nosa cidade”. Como un exemplo “moi preocupante”, a concelleira popular lembra que “o pasado verán Ourense bateu récords a nivel europeo rozando os 43.3ºC e cunha alerta vermella activada”.

Unha das opcións que destacan dende o Grupo Municipal Popular como un bo refuxio para o verán, “é promover o uso das galerías comerciais instalando mobiliario urbano e infraestruturas verdes nas zonas comúns”. Neste senso, a edil popular propón tamén “a apertura dunha serie de axudas e subvencións municipais para a instalación concreta de sistemas de ventilación climatización e pulverizadores de auga nas entradas e saídas”. “Esta medida permitiría ademais recuperar a vida socio-económica destes recintos”, engade.

Por outra banda, Inma Moreiras indica como outras opcións complementarias  “intervir en espazos públicos, incluíndo sombreado a través de elementos téxtiles, adaptar lugares municipais, como as bibliotecas, como refuxios cubertos, incrementar o número de fontes e acondicionar e coidar as sendas fluviais”.

Por último, a concelleira pon de manifesto que “é imperativo que o grupo de goberno leve a cabo este tipo de medidas preventivas para reducir o impacto das altas temperaturas, a maiores do protocolo de vixilancia, alerta e coordinación co que xa conta a Xunta de Galicia”.