Os socialistas acusan ao alcalde de Ourense de vulnerar o dereito á información
Dende o grupo municipal socialista consideran un ataque aos dereitos da cidadanía e ao labor dos e das xornalistas que non se convoque aos medios de comunicación para as roldas de prensa do Concello de Ourense. “Entendemos que a decisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, atenta contra o dereito á información ao emitir unha rolda de prensa única e exclusivamente dende a canle de YouTube da súa televisión privada, no canto de empregar a conta institucional da Administración pública habilitada para elo”, expón a portavoz do PSdeG, Natalia González.
“Ademais, o rexedor impediu que os e as xornalistas puideran preguntar libremente o que considerasen pertinente para fiscalizar o traballo do executivo local ao remitir un número de teléfono ao que tiñan que enviar as súas cuestións. Non podemos máis que sumarnos ás reivindicacións realizadas dende o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que deixan patente que o xeito de actuar do alcalde basease na propaganda ao restrinxir o labor da prensa”, sinala logo de anunciar Jácome que substituirá as roldas informativas por comunicados a través de Auria TV e as súas redes sociais.
E lembra, neste senso, que non se trata do único ataque aos e ás profesionais dos medios de comunicación posto que xa vetou a entrada dalgunhas persoas ás roldas de prensa, ofreceu máis intervencións dende o Salón de Plenos sen posibilidade de preguntar e levou ao pleno ordinario unha moción, hai exactamente un ano, en contra do honor dos empregados e empregadas do medios de comunicación.
Na iniciativa rexistrada para o seu debate no pleno ordinario de decembro, asinada polo tenente de alcalde, Armando Ojea, facíase referencia ao gremio xornalístico con cualificativos como “carroñeros” ou “miserables” e as e os socialistas presentaron unha emenda de substitución para modificar o texto que, finalmente, foi retirado. “Isto só é un intento máis de distraer a atención do que realmente debería centrar o debate e unha oportunidade para presentarse como vítima daqueles medios de comunicación cuxa liña editorial non comparte ou que exercen o seu labor atendendo ao artigo 20 da Constitución Española”, defende a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.