Os socialistas advirten de que Jácome só executou o 28% das 20 modificacións de crédito aprobadas en 2023

OurenseXa
“O goberno municipal tenta habilitar modificacións de crédito porque non ten un orzamento. O ano pasado trouxéronse 20 modificacións de crédito das que só executaron, aproximadamente, o 28%”
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
María Fernández, PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
30 sep 2024

O goberno municipal tenta habilitar modificacións de crédito porque non ten un orzamento. O ano pasado trouxéronse 20 modificacións de crédito das que só executaron, aproximadamente, o 28%”, comezou argumentando a edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández durante a sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar esta mañá. E incidiu en que se o goberno de Gonzalo Pérez Jácome pretende “hipotecar a cidade” non contará co respaldo do grupo municipal socialista.

“Moitos dos presentes saben que opinaba o que hoxe é alcalde da precariedade contractual das concesionarias públicas. Pero agora parece que hai que regalarlles os cartos. Xa está ben de engañar á xente e de usar á oposición. Se non saben xestionar fondos públicos e este concello, máis aló que servíndose de contratos menores, nós non temos a culpa”, afirmou taxante para explicar a negativa dos e das socialistas a aprobar as modificacións de crédito que hoxe se levaron ao pleno. “Se non son capaces de facer fronte ás débedas, como imos avalar os investimentos?”, preguntou ao rexedor.

Nesta liña, expuxo que o proceder do executivo actual é o de habilidar crédito para “pagarlle un pouquiño a cada quen”, por estar pensando nas vindeiras eleccións municipais, para “tecer unha pequena rede clientelar”. “A ninguén lle deben todo e van pagando a cada un un pouquiño para que non protesten e non pidan os intereses”, criticou contundente a concelleira do PSdeG. “O contrato menor significa contratar a dedo, comprando vontades, para que a xente non se queixe”, puntualizou.

Así mesmo, sinalou que o goberno de Democracia Orensana reitera continuamente que todo o que non se fai é por culpa da oposición mentres ten “4 millóns de euros habilitados para pagar ao funcionariado e aínda están agardando” para cobrar.

Así as cousas, o grupo municipal socialista só respaldou a modificación de crédito 9P que inclúe o pago de axudas de comedores escolares ás familias que quedaron excluídas inicialmente na convocatoria deste ano (24.000 euros), as axudas do programa de emerxencia social para as máis de 300 persoas que están pendentes delas dende hai meses (300.000 euros), a dotación económica para a convocatoria anual de subvencións para entidades do terceiro sector (90.000 euros) e os convenios con distintas asociacións sociais que fan un labor imprescindible na nosa cidade.

“Cando estaba vostede na oposición tiña unha vara de medir e ao chegar a ese sillón parece que rectificou. Vostede dicía ao anterior alcalde do Partido Popular que tiña que darse conta de que gobernaba en minoría. E parece que vostede non se percatou, a día de hoxe, diso mesmo”, lembrou a portavoz do PSdeG, Natalia González na súa quenda. “Falaba, cando non era rexedor, do malas que eran as modificacións de crédito en serie e non deixa de sorprendernos que agora sexa o máximo defensor desta opción para gobernar unha cidade sen ter uns orzamentos aprobados en vigor nos últimos 4 anos”, insistiu recordando que levou ao seu antecesor, Jesús Vázquez, ao Xulgado por non ter presupostos e menos concesións que el en precario.

 Destacou, ademais, o dano que fai á institución e á cidade o “espectáculo” continuo ao que as somete o rexedor ante unha situación que cualificou como “crítica” en materia de persoal, seguridade cidadá, servizos sociais e orzamentaria. “Máis de 140 días de periodo medio de pago a provedores, como nunca na historia deste Concello; máis de 12 millóns de euros sen pagar de débedas, sen contar todo o que hai agochado debaixo da alfombra porque non sabemos canto se debe as concesionarias municipais que foi incapaz de licitar nos últimos anos”, resumiu sobre parte do descontrol económico e organizativo actual.

Tamén aproveitou durante o pleno extraordinario para trasladar o “apoio e respecto” do grupo do PSdeG aos traballadores e traballadoras do Concello, e aos e ás seus representantes sindicais, nas súas demandas recordando a Jácome que el é “o máximo responsable” da situación límite, pese a que adique “os seus esforzos a demonizar ao funcionariado”.

0.083303928375244