Os socialistas advirten de que o novo PXOM de Ourense “non ten garantida a súa viabilidade”

OurenseXa
Sosteñen que “é un documento que se pretende aprobar pola porta de atrás sen medir as consecuencias que pode carrexar, como xa aconteceu no ano 2003”
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
20 Nov 2024

A voceira do grupo socialista no Concello de Ourense, Natalia González, resumiu esta mañá, en rolda de prensa, a actuación de “escurantismo e aleivosía” do executivo local respecto a un asunto chave para a cidade como é o Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Un mes despois de ser remitido á Xunta de Galicia o documento é coñecido polo resto de grupos políticos. Levamos máis de dous anos sen que se convoque a Comisión de Seguimento do PXOM por parte do alcalde e reclamamos que se faga de xeito urxente”, comezou lamentando.

“Un ano e medio estivo parado o expediente, dende a entrega de documentación do equipo redactor do mesmo, ata o reinicio da tramitación en marzo de 2024 por parte de Gonzalo Pérez Jácome. Estamos ante o terceiro cambiazo de plan en dúas décadas e un ‘déjà vu’ do de Manuel Cabezas ao que se engaden os caprichos de Cudeiro e o propio alcalde”, sostén.

Tamén destacou ante os medios de comunicación que na documentación, á que polo de agora tivo acceso o grupo municipal socialista, “non se conta co aval do propio equipo redactor do PXOM” nin está garantida “a súa viabilidade económica e seguridade xurídica” segundo deixa patente o interventor. “É un documento que se pretende aprobar pola porta de atrás sen medir as consecuencias que pode carrexar, como xa aconteceu no ano 2003”, explicou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

Enumerou, así as cousas, que no expediente que se remitiu á Xunta de Galicia hai 4 informes especialmente relevantes: o do xefe de servizo de Planeamento, o do anterior asesor xurídico, o da intervención municipal e outro externo encargado pola anterior concelleira de Urbanismo sobre as últimas modificacións a proposta do rexedor. “Os dous primeiros son coincidentes e atribúen a competencia para aprobar o plan exclusivamente ao alcalde, afirman que non haberá que asumir indemnizacións por parte do Concello en materia urbanística e no do xefe de servizo destácase que os informes de asesoría xurídica e intervención non son vinculantes”, explica a socialista sobre o atopado na documentación.

“Non obstante, o interventor recorda que a competencia para a aprobación provisional do PXOM é do Pleno da Corporación; que a súa hipotética aprobación por parte da Alcaldía sería un vicio do acordo adoptado e nulo de pleno dereito; que contén vicios de procedemento esencial que poden xerar posibles efectos xurídicos indesexables e que esixe maiores cautelas por parte da administración local. Así como que o estudo económico-financeiro contén erros en canto aos gastos que tería que soportar o Concello de Ourense e carece de carácter técnico nin formal”, contrapuxo a voceira do PSdeG.

En canto ao ditame externo solicitado polo PP, subliñou que deixa en mans da Xunta de Goberno Local a aprobación provisional do plan, que tería que se realizar unha segunda exposición pública e que si é preciso indemnizar no caso das Torres do Miño, tal e como rematou relatando a portavoz socialista.

0.20108294487