Os socialistas denuncian que Jácome leva seis anos sen convocar o Consello Municipal de Servizos Sociais

OurenseXa
Lembran que “unha trintena de asociacións reclaman que se reúna a este órgano consultivo e informativo”
Carmen R. Dacosta
Carmen Rodríguez Dacosta
14 Mar 2025

Os socialistas ourensáns reclamarán á Xunta de Galicia que inste ao Goberno de Gonzalo Pérez Jácome a convocar o Consello Municipal de Servizos Sociais (CMSS), así como tamén esixirán que o executivo autonómico realice unha valoración sobre a situación dos servizos sociais na cidade e as condicións nas que se atopan as entidades do terceiro sector ou saber se realizará accións complementarias para emendar o déficit que padece Ourense.

“A finais do mes de xaneiro, as entidades do terceiro sector da cidade de Ourense solicitaban ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que convocase o Consello Municipal de Servizos Sociais (CMSS). En total, unha trintena de asociacións reclaman que se reúna a este órgano consultivo e informativo que leva seis anos sen ser convocado”, comeza lembrando a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta.

“Entidades como Neuroburgas, APES, ApuntasTE, Trascos, Asociación Diabética Auria, ValoresRSC, Fundación Amigos de Galicia, Asociación de Crohn y Colitis Ulcerosa de Ourense, Discafis-Cogami, Aixiña, Alcer, Asociación de Fibromialgia y Fatiga Crónica, Xarela, Por Eles TEA ou Fundación Secretariado Gitano rexistraron a petición da reunión do CMSS para abordar asuntos como a configuración da subvención para a prestación de servizos sociais e a modificación das bases da convocatoria ou a dotación de crédito, que non foi ampliada nos últimos 18 anos”, continúa explicando a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense e secretaria de Política Social do PSdeG, Natalia González Benéitez.

Así as cousas, as socialistas presentaron unha batería de iniciativas no Parlamento non só para que o executivo de Alfonso Rueda inste ao goberno local a convocar dito órgano, senón para que a Xunta de Galicia realice unha valoración sobre a situación actual dos servizos sociais na cidade e as condicións nas que se atopan as entidades do terceiro sector ou saber se realizará accións complementarias para emendar o déficit que padece neste eido a cidadanía de Ourense.

“Entendemos que non basta só con que se convoque o CMSS unha vez e por iso demandamos que se manteña no tempo a convocatoria coa regularidade precisa para dar unha resposta ás necesidades dos usuarios e usuarias de calidade e de forma planificada”, remata a deputada.

⚙ Configurar cookies
0.15405988693237