Os socialistas do Concello de Ourense esixen ao alcalde que convoque unha nova Xunta de Seguridade Cidadá
Os socialistas denuncian que a primeira das Xuntas de Área que terían que desenvolverse esta mañá (Administración Xeral, Seguridade Cidadá e Mobilidade) “reafirmou o escurantismo e desprezo á oposición que dende o executivo de Gonzalo Pérez Jácome practican cara aos grupos da oposición”.
“Foi unha auténtica burla: unha reunión que non chegou aos 4 minutos, sen respostas, sen documentación, sen información e sen respecto algún”, explica a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Sinala que “o responsable de presidir o órgano” debería dar explicacións “sobre asuntos cruciais como a Policía Local, os Bombeiros, a estabilización do persoal ou os conflitos laborais”, pero que volveu a ausentarse. “No seu lugar, enviouse a unha persoa que nin ten respostas sobre temas pendentes nin é capaz de contestar ás novas preguntas por non ser a encargada desas áreas”, critica.
Neste senso, a concelleira do grupo municipal socialista describe a actitude do executivo local como unha “desfachatez que chega ao extremo de convocar unha Xunta de Área que só serve para cobrala sen traballar”.
“A veciñanza de Ourense merece saber o que está pasando, merece que se lles dea explicacións e merece un goberno que traballe con seriedade e responsabilidade. Todo o contrario a este executivo que decide responder coa non resposta: opacidade, obstrución e mala fe”, incide a edil.
Así as cousas, os socialistas reclaman que esta Xunta de Área se volva convocar a próxima semana, cunha orde do día clara, con documentación completa e con respostas concretas a todas as preguntas pendentes. “A democracia non se pode exercer dende a opacidade, e os concelleiros non están para cobrar dietas sen traballar. O que está a acontecer coas xuntas de área é un síntoma máis dun goberno esgotado, sen proxecto e sen interese por resolver os problemas reais da cidade. En vez de avanzar, este goberno dedica os seus esforzos a esquivar responsabilidades e a bloquear o traballo da oposición”, remata contundente.