Os socialistas esixen ao Concello de Ourense que poña en marcha unha ordenzanza para regular as viviendas turísticas

OurenseXa
Lamentan que o alcalde “presuma” do incremento deste tipo de aloxamentos na cidade sen contar con ningún tipo de regulación
Ourense-casco-hitorico-recurso
22 Jan 2025

Logo do comunicado enviado dende o Concello de Ourense “sacando peito das cifras de turistas na cidade que amosa a enquisa de ocupación hoteleira que realiza o Instituto Nacional de Estatística (INE) respecto ao mes de novembro de 2024” as e os socialistas sinalan que a mellora dos datos se debe, principalmente, á inercia dos últimos anos dende que a Alta Velocidade chegou a Ourense da man do goberno de Pedro Sánchez.

“Nada se fixo nos case 6 anos de mandato que leva o actual executivo de Gonzalo Pérez Jácome por posicionar á cidade como referente turístico e incluso o alcalde presume da ausencia institucional en Fitur dende hai 3 anos pola súa decisión”, lamentan dende o grupo municipal socialista.

“A maior parte das termas están pechadas e infraempregadas; o tren turístico tardará polo menos un ano máis en funcionar, tal e como o rexedor confirmou no pasado pleno; non implementaron medidas no último lustro para potenciar a chegada de visitantes, máis aló dun anuncio realizado por Jácome en 2023 no que valoraba a posibilidade de trasladar a Oficina Municipal de Turismo á Casa Consistorial, unha medida improvisada que non se materializou e que reflicte a nula capacidade de xestión na materia de Democracia Orensana”, explica a voceira do PSdeG, Natalia González.

Así mesmo, as e os edís socialistas levan anos reclamando que o executivo local poña en marcha un plan específico de desenvolvemento turístico para non perder a oportunidade que supón a aparición do AVE na cidade. Dende o 2016 foron varias as iniciativas do PSdeG levadas ao pleno, e aprobadas co acordo das diferentes forzas políticas, neste eido. “Se non somos quen de diferenciarnos agora, non estaremos aproveitando a vantaxe que supón ser a porta de entrada a Galicia coa Alta Velocidade”, destaca.

Por outra banda, advirten de que o goberno municipal non debería sacar peito do incremento de vivendas de uso turístico na cidade sen ter primeiro avanzado algún tipo de normativa para regular o uso e proliferación das mesmas que garanta a súa compatibilidade coas necesidades habitacionais dos e das ourensás. “Actualmente este tipo de aloxamentos non supoñen un problema para a veciñanza, pero resulta primordial elaborar unha ordenanza ao respecto para evitar que aconteza o mesmo que noutras cidades nas que as e os cidadáns se ven obrigados a desprazarse a outros barrios e o prezo dos alugueres aumenta desproporcionalmente pola falta de vivendas dispoñibles”, remata afirmando.

 

0.16847991943359