Os socialistas instan a Jácome a poñer en marcha un plan integral para desenvolver o turismo
As e os edís do grupo municipal socialista no Concello levan anos reclamando que o goberno local poña en marcha un plan específico de desenvolvemento turístico para non perder a oportunidade que supón a aparición do AVE na cidade. Dende o 2016 foron varias as iniciativas do PSdeG levadas ao pleno, e aprobadas co acordo das diferentes forzas políticas, neste eido.
“A chegada da Alta Velocidade a Ourense foi o motivo real para o ‘boom’ turístico na nosa cidade e foi grazas a Pedro Sánchez, e un goberno progresista en España, que deu resposta por fin a unha demanda histórica, non grazas á ineptitude do alcalde actual”, lembra a voceira dos e das socialistas, Natalia González Benéitez. “As Olimpíadas xa remataron e el quere seguir a colgarse medallas”, engade en relación á última manifestación do rexedor sobre o crecemento do turismo na capital e na provincia.
Neste senso, destacan que o deterioro da zona histórica resulta máis que evidente con edificios en estado ruinoso e pintadas na maioría das paredes. “Non se poden promocionar as termas porque máis da metade continúan pechadas, nin sequera funciona dende fai meses o tren turístico que vai da Praza Maior a Outariz, a programación cultural no verán de Ourense é inexistente, o casco vello segue o seu proceso de abandono e decadencia sen que este executivo mova outra ficha que intentar borrar do mapa ás e aos traballadores da oficina do PERI, pezas chave para xestionar a rehabilitación da área”, enumera a edil.
“A única proposta nesta materia que fixo estes 5 últimos anos Gonzalo Pérez Jácome foi trasladar a oficina de turismo para os baixos do Concello, cunha falta de criterio evidente, é que non chegou a materializarse”, sinala a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense ante a ausencia de iniciativas propias de Democracia Orensana e de vontade para aplicar as mocións aprobadas do PSOE.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista recordan que nos últimos meses coñeceuse que Ourense estivo entre as 10 estacións de Alta Velocidade con maior volume de viaxeiros no ano 2022 e varias publicacións xornalísticas, de recoñecido prestixio internacional, incluiron nas súas páxinas reportaxes sobre a riqueza termal da provincia, mais o goberno de Jácome continúa perdendo a oportunidade de dar pulo á cidade e que o turismo sexa un polo de desenvolvemento para a mesma.