Os socialistas ourensáns denuncian a “ditadura informativa” de Gonzalo Pérez Jácome
Xusto cando entraba no Parlamento de Galicia unha lei de medios que atenta contra os principios de liberdade de prensa, no Concello de Ourense acontecía algo moi grave: o alcalde decidía suprimir as roldas de prensa”, comeza expoñendo a deputada do PSdeG na Cámara autonómica Carmen Rodríguez Dacosta sobre o recente anuncio de Gonzalo Pérez Jácome.
As e os socialistas sinalan que esta decisión leva parella non só a censura que supón transmitir a información institucional dende a Casa Consistorial sen permitir a entrada aos e ás xornalistas; senón que implica que os profesionais unicamente poderán realizar preguntas a través dun número de WhatsApp, decidindo o alcalde cales admite e cales non. “Ante este proceder, nós preguntaremos ao presidente Alfonso Rueda como o valora e que medidas van a tomar se entende que conculca algún precepto normativo sobre os medios en Galicia”, engade sobre unha batería de iniciativas que o PSdeG levará ao Parlamento.
O grupo municipal socialista xa defendeu, na sesión plenaria ordinaria de decembro, unha moción, respaldada por todos os grupos da oposición, para poñer sobre a mesa que a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación son piares da democracia moderna e facilitadores dun debate aberto, garanten o fluxo de información e desempeñan un papel clave á hora de esixir responsabilidades ao poder e fiscalizar o seu labor.
“Non estamos dispostos a vivir nunha ditadura informativa. En Ourense defendemos tamén unha TVG libre e independente e non queremos que o Concello se converta no plató de Auria TV”, relata a voceira na Administración local e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González Benéitez.
Ante esta situación, o grupo municipal socialista presentou tamén unha queixa á Secretaría Xeral de Medios da Xunta, que é a competente sobre o contido e as informacións que se emiten a través de Auria TV e na que se debe garantir o respecto ao decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.