Os socialistas ourensáns denuncian recurtes no transporte urbano
A edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias criticou que a nova liña 6 de autobuses supón unha redución nas frecuencias do transporte urbano para a veciñanza do barrio de O Couto. E lembrou que o servizo continúa en precario dende o ano 2015 pese a repetir en reiteradas ocasións Gonzalo Pérez Jácome, antes de ser alcalde no 2019, que sería quen de arranxar a situación e incluso descualificar ao seu predecesor no cargo por non ser capaz de facelo.
“Antes circulaban dúas liñas e agora só unha con modificacións no itinerario. Un dos puntos cos que conectaba é coa zona da residencia e do hospital e agora o percorrido é moito máis longo. Agardamos que a súa viaxe non sexa urxente ou teña que entrar a traballar”, ironizou a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas na cidade sobre unha das queixas amosadas polos usuarios e usuarias no primeiro día de funcionamento.
“Jácome prometía, por activa e por pasiva, grandes cambios nas liñas fai case máis dun ano e aínda estamos ante o primeiro deses grandes cambios”, lembrou. “O 6 para diante do Pavillón de Os Remedios? Si, pero o que non sabemos é cando porque non hai nin paneis informativos nin códigos QR”, sinalou fronte as instalacións deportivas.
Así mesmo, as e os socialistas esixen ao rexedor que deixe de facer demagoxia por redes sociais e xestione mellor o diñeiro e recursos públicos de toda a cidadanía. “Sabemos que o mantra que repite o alcalde é que fai máis con menos. Con menos autobuses, con menos condutores, con menos frecuencias, con menos espazo dentro dos vehículos, con menos combustible e con menos quilómetros ofertara mellor servizo a máis xente”, rematou contrapoñendo as contradicións do alcalde.