Os socialistas volverán a pedir o apio do Pleno do Concello de Ourense para lograr a xestión pública do CAPD

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense pedirá este venres o apoio do Pleno do Concello de Ourense para instar á Xunta e á Deputación a dar marcha atrás e garantir a prometida xestión pública e directa do novo CAPD de Ourense.
“As argumentacións que ofreceron, obviamente, son cortinas de fume e as socialistas non deixaremos de loitar por esta causa que é tan importante para os nenos, nenas, mozos e mozas afectados por distintas discapacidades e diversidades funcionais, así como para as súas familias”, sinalan os socialistas. E lembra que a Conselleira de Política Social, Fabiola García, non recibiu en seis anos á plataforma ProCAPD para dar explicacións sobre a xestión e o PP asinou, xunto ao resto de formacións políticas, un compromiso para que as instalacións fosen 100% públicas e contasen con persoal dependente directamente da Xunta de Galicia.
“Ningún intento do PP e o goberno de Alfonso Rueda por deslexitimar esta loita de pais e nais de persoas con discapacidade de Ourense vai facer que nos rindamos”, advirte a voceira do PSdeG no Concello de Ourense anunciando que o grupo municipal socialista levará, unha vez máis, unha iniciativa ao vindeiro pleno ordinario de febreiro para que o executivo autonómico retroceda ante o que con-sideran un agravio para a cidade e a provincia. “Non pedimos máis que o que xa teñen as outras tres provincias galegas e que constitúe un dereito que debe garantir a Xunta”, defende a tamén secretaria xeral do partido.
Neste senso, o texto rexistrado solicita, entre os seus puntos de acordo, instar á Administración local a esixir da Deputación o cumprimento dos compromisos adquiridos e ratificar a xestión pública e directa do CAPD de Ourense, “tal e como foi subscrito pola unanimidade dos grupos políticos con representación na Corporación Provincial na moción conxunta aprobada no Pleno do 20 de decembro de 2024”. E reclama que o Concello de Ourense esixa á Administración provincial a activa defensa dos intereses da súa veciñanza para que adopte as medidas de presión oportunas diante da Consellería de Política Social e Igualdade con vistas a desbotar a apertura do proceso de licitación da xestión do centro.
Por último, tamén recolle a iniciativa instar ao Concello de Ourense para esixir, á maior brevidade, a celebración dun encontro entre a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e inte-grantes da plataforma ProCAPD, grupos políticos con representación
na Deputación de Ourense e o presidente da Corporación Provincial.