Os traballadores do transporte urbano de Ourense piden que se actualicen os salarios

OurenseXa
Reclaman ao Concello que calcule de novo o custo salarial do servizo no prego de condicións do concurso
autobuses-urbanos-ourense-pavillon-dos-remedios
2 Dec 2024

O comité de Urbanos de Ourense, compañía adxudicataria do transporte público, reclámalle ao Concello que proceda a calcular de novo o custo salarial do servizo para incorporalo no prego de condicións do concurso, unha vez que o Tribunal de Contratación Pública (TCP) vén de obrigar o Goberno local a modificar o documento, polo que as empresas deberán achegar outra vez as súas ofertas para optar á concesión.

A resolución do TCP responde ás impugnacións feitas por dúas compañías a respecto do pregos de contratación do servizo público de transporte urbano do Concello do Ourense, obrigando á Administración municipal a modificar os pregos nalgúns dos seus puntos, polo que as empresas deberán presentar ofertas de novo.

Diante disto, a representación do cadro de persoal solicítallo ao Goberno local que teña en conta que o convenio colectivo está caducado e calcule e volva calcular o custo salarial das persoas traballadores desta concesión pública, “xa que os anteriores pregos baseábanse en salarios correspondentes ao ano 2023, ao mesmo tempo que se estaba negociando un novo convenio”.

Dende o comité tamén demandan que se garanta a totalidade dos postos de traballo (persoal condutor, mecánico, de oficina), así como a aplicación do convenio colectivo da empresa fronte a posibilidade de que non se aplique o convenio e o paso ao convenio sectorial.

Ao mesmo tempo, instan a dirección de Urbanos de Ourense a aproveitar a paralización do proceso para retomar a negociación do convenio. E advirten que tanto o comité como a maioría do persoal traballador “non permitiremos unha rebaixa nas nosas condicións laborais, económicas nin sociais”.

Finalmente, agardan que tanto o Concello de Ourense como a empresa Urbanos de Ourense “tomen nota” do acontecido e traballen para que o cadro de persoal persoal acade un convenio colectivo “en condicións”.

0.17594504356384