Os trens turísticos de Ourense estarán sen funcionar polo menos outro ano

OurenseXa
Os socialistas denuncian que "hai unha clarísima involución no Termalismo da cidade que non está sabendo aproveitar os seus recursos económicos e de benestar para as e os ourensáns"
concello-ourense-trens-turisticos
Cedida
17 Jan 2025

O grupo municipal socialista critica o proceder do executivo de Gonzalo P. Jácome respecto á infraestrutura da piscina de As Burgas que leva xa cinco anos pechada e que continuará, como comunicou o propio rexedor esta semana, alomenos 9 meses máis sen poder empregarse pola cidadanía e os e as turistas. “Despois de que reiteradamente, tanto nas Xuntas de Área como nos plenos do Concello de Ourense, reiterase que estaba a piques de abrirse resultou que non vai ser así”, expón o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero.

“O que é certo é que antes non existía a fuga de auga na que o alcalde funfamenta a súa decisión de continuar coa piscina pechada e despois das obras hai una parte da instalación que perde auga”, puntualiza o concelleiro.

Nesta liña, aparte de non comprender as e os socialistas por que dende o goberno local afirmaron que a obra se realizara axeitadamente cando o luns informaron de que non estaba correctamente permeabilizada e requería dunha nova intervención antes de poñerse a disposición dos e das usuarias, engaden que tampouco entrarán en funcionamento os trens turísticos termais para os que se habilitaron partidas orzamentarias xa no último trimestre de 2023.

E engaden que non só non funcionan estes vehículos que servían para desprazarse ata as termas e cuxo traxecto finalizaba en Outariz, senón que nas paradas habilitadas tampouco figura ningún anuncio de que non están dispoñibles e é habitual atoparse con turistas desorientados. “Na primeira sesión plenaria deste mes de xaneiro xa preguntamos cando tiña pensado o executivo poñer en marcha os trens que se retiraron de circulación hai máis dun ano e o alcalde contestou que tardarían preto dun ano máis en volver a empregarse”, lamenta o socialista.

“Hai unha clarísima involución no Termalismo da cidade que non está sabendo aproveitar os seus recursos económicos e de benestar para as e os ourensáns. Atopámonos con infraestruturas directamente pechadas e outras funcionando en precario a nivel municipal. Pero a nivel autonómico atopámonos con que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, vén a Ourense a presentar o Plan de Turismo Termal o que semella que non existe unha cooperación institucional entre ámbalas dúas Administracións”, remata sinalando o edil do PSdeG.

0.16983890533447