Os Xogos Deportivos de Sportur Galicia comezan unha nova edición en Expourense

GaliciaXa | OurenseXa
Unha vintena de federacións e clubs deportivos de distintas disciplinas participan até o sábado nunha edición centrada nos xogos inclusivos
apertura-sportur-expourense
29 May 2026

Os Xogos Deportivos de Sportur Galicia arrancaron este xoves no recinto feiral de Expourense e prolongaranse ata o sábado, convertendo as instalacións nun espazo multideportivo no que conviven actividades, exhibicións e adestramentos abertos a deportistas e afeccionados de todas as idades, con e sen diversidade funcional.

O evento reúne unha vintena de federacións e clubs deportivos que presentan distintas disciplinas co obxectivo de promover o deporte como ferramenta de integración, superación e transmisión de valores. A programación combina competicións, clases abertas e exhibicións, nun formato pensado para favorecer tanto a participación como o descubrimento de novas modalidades deportivas.

A primeira xornada estivo marcada pola presenza do programa Xogade Multideporte e a práctica de hockey, cunha ampla participación de escolares de centros educativos da provincia. Estes conviviron ao longo da mañá con outros colectivos presentes no recinto, como persoas maiores que participaron en actividades como o cachibol ou o taichi, así como usuarios de entidades de atención á diversidade funcional.

Ao longo do día, os asistentes puideron practicar disciplinas como remo indoor, fútbol sala, bádminton, pickleball, voleibol, esgrima, ciclismo, orientación ou wushu, entre outras, nun ambiente participativo no que o público tamén pode probar diferentes modalidades deportivas.

Xa pola tarde, os clubs e federacións trasladan os seus adestramentos ao recinto, dando continuidade a unha programación que busca tamén servir como escaparate para a captación de novos deportistas e a promoción das distintas disciplinas.

Entre as actividades previstas para os próximos días destacan tamén as competicións da “Copa Deputación” de balonmán e voleibol, que se disputarán durante a fin de semana.

Sportur Galicia está organizado por Expourense, co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. A entrada é gratuíta e o horario mantense de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

0.11295986175537