Os Xogos Special Olympics Galicia regresan a Pereiro de Aguiar o 19 de abril

OurenseXa
Serán no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei e contarán co apoio da Deputación de Ourense
presentacion-special-olympic-pereiro
16 Apr 2026

A Deputación de Ourense reiterou esta mañá o seu apoio ao deporte inclusivo coa colaboración nunha nova edición dos Xogos Special Olympics Galicia, que se celebrarán o vindeiro 19 de abril nas pistas do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei.

A cita foi presentada este xoves no Salón de Plenos do Concello do Pereiro de Aguiar, nun acto no que participou o presidente da Deputación e alcalde do municipio, Luis Menor, xunto a representantes institucionais e do ámbito deportivo e social, entre eles o concelleiro de Deportes do Pereiro de Aguiar, Francisco González Fraga, o director da asociación As Burgas, Modesto González de Padua, o xefe de servizo de Deportes da provincia, Manuel Pérez González, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández.

Durante a presentación, Luis Menor destacou o valor desta iniciativa como ferramenta de inclusión social e puxo en valor o papel do deporte na igualdade de oportunidades. Nese sentido, subliñou que “construír unha sociedade máis xusta, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de participación” é un dos obxectivos fundamentais que inspiran este tipo de propostas.

O presidente provincial definiu os Xogos Special Olympics como algo máis que unha competición deportiva, ao consideralos “un espazo de convivencia, superación e visibilidade, no que se pon de manifesto o talento, o esforzo e a ilusión das persoas participantes”. Así mesmo, incidiu na importancia do deporte como vía para fomentar a inclusión: “Desde a Deputación de Ourense temos moi claro que o deporte é unha das mellores vías para promover a inclusión social e a participación activa de todas as persoas, sen excepción”.

Menor tamén puxo o acento na cooperación entre institucións e entidades sociais para facer posible este evento, promovido pola asociación As Burgas e que conta coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, a Xunta de Galicia e a propia Deputación de Ourense. “Este é un exemplo de que cando as administracións e o tecido asociativo traballan da man, conseguimos iniciativas que realmente transforman vidas”, sinalou.

Os Xogos Special Olympics Galicia reunirán deportistas con discapacidade intelectual de toda a comunidade nunha xornada centrada no deporte, pero tamén na promoción de valores como o compañeirismo, o respecto e a integración.

A Deputación de Ourense consolida así a súa aposta polo deporte inclusivo e de base, entendido como unha ferramenta clave para a cohesión social e a mellora da calidade de vida.

0.13293290138245