Ourense acolle a presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate

O programa está dirixido ao tecido empresarial galego a través das súas pequenas e medianas empresas
Encontro_responsabilizate
Presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate
12 mar 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate da Xunta en Ourense, celebrado na Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, que ten como obxectivo impulsar a competitividade das empresas galegas fronte ao reto de ser cada vez máis sostibles ambiental, social e economicamente.

Esta xornada celébrase no marco do programa Responsabilízate, un programa de asesoramento gratuíto para apoiar ás pemes na súa necesaria adaptación ás obrigacións da regulación ASG a través do desenvolvemento da súa Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Vai dirixido ao tecido empresarial galego a través das súas pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou teñan un balance anual inferior a 43 millóns de euros.

No acto, no que expuxeron a súa experiencia tres representantes de empresas que avogan pola Responsabilidade Social Empresarial (RSE) – de Regalga, Arte&Comunicaciones e Cupa Group- a conselleira indicou que contar cun tecido empresarial responsable é sinónimo de maior produtividade porque, segundo subliñou, as empresas responsables destacan por ter maior permanencia dos empregados; maior lealdade do consumidor; mellor valoración da imaxe e da súa marca; máis implicación e motivación dos traballadores, e maior recoñecemento entre os líderes de opinión.

Rivo apuntou que precisamente Responsabilízate avoga por que cada vez sexan máis as pequenas e medianas empresas galegas que aposten por estes valores. Resaltou que o Goberno galego cre na RSE e, por iso, explicou que a Xunta está a desenvolver unha nova Estratexia neste ámbito que se aprobou en 2023 para promover espazos de traballo igualitarios. É unha planificación que quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros para tamén atraer e reter o talento galego. En palabras da titular de Promoción do Emprego, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da man da sustentabilidade é clave para a retención e captación de talento.

“É importante que ás nosas empresas sexan cada vez máis responsables para que todo o talento mozo que temos en Galicia siga apostando por Galicia”, engadiu.

Rivo tamén salientou que Galicia está á vangarda da RSE, lembrando que en 2012 a Xunta foi pioneira nesta materia deseñando e poñendo en marcha o primeiro plan autonómico RSE. En palabras da conselleira, o Goberno da Xunta traballa para que o crecemento económico sexa sustentable de cara ao futuro para o que destacou que é necesario seguir reforzando a colaboración de todos os axentes sociais e económicos. “A colaboración público-privada é garante dunha sociedade máis responsable e máis igualitaria”, rematou.