Ourense acolle as XXIII Xornadas Interxeracionais de ATEGAL promovendo o encontro entre persoas de todas as idades

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Persoas Adultas ATEGAL, con sede en Ourense, celebra hoxe unha nova edición das Xornadas Interxeracionais na cidade das Burgas, nunha iniciativa que busca promover o encontro e o intercambio de experiencias entre persoas de distintas idades.
As actividades están organizadas en colaboración co alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense e teñen como finalidade crear espazos de convivencia interxeracional e de aprendizaxe mutua, ao tempo que se pretende combater os prexuízos idadistas.
A xornada comezaba na Praza Maior de Ourense Praza Maior de Ourense coa lectura dun manifesto en favor das relacións entre xeracións. O documento, elaborado polo alumnado de Educación Social, pon o foco na invisibilización das persoas maiores e as súas capacidades, reclamando unha mudanza de actitudes. No texto recóllese a mensaxe: “As persoas maiores non son pasado: son presente activo e memoria viva”.
A continuación, a programación trasládase ao Campus Universitario de Ourense Campus Universitario de Ourense, onde as persoas participantes poden tomar parte en diferentes actividades lúdicas. O alumnado de Traballo Social amosa aos maiores xogos da súa infancia e tamén aqueles que se empregan hoxe en día nos campamentos. Pola tarde, serán as persoas maiores quen compartan xogos tradicionais cos que medraron, como a comba, o truco ou os zancos.
Como novidade desta edición, ATEGAL incorpora unha sesión de baile e movemento das súas Aulas Sénior. A profesora de baile de ATEGAL Ourense, Milena Plata, dirixe unha actividade na que as persoas participantes aprenden unha coreografía que posteriormente interpretarán conxuntamente.
Ao evento súmanse tamén usuarios de ATEGAL Santiago, o que reflicte a coordinación entre distintos centros da entidade. Participan igualmente Aspanas Aspanas, Down Ourense Down Ourense e o CIFP Portovello CIFP Portovello.
As Aulas Sénior de ATEGAL ofrecen formación e actividades para maiores de 55 anos en ámbitos como deporte, tecnoloxía, saúde, autocoidado e dinamización artística, co obxectivo de fomentar un estilo de vida activo. Segundo datos da entidade, no último ano organizáronse máis de 50 actividades na cidade das Burgas.