Ourense acollerá a última proba da Liga de Promoción de Escalada

A cidade de Ourense será o escenario o vindeiro 27 de xuño da cuarta e última proba da Liga de Promoción de Escalada, unha cita que porá o peche á tempada desta competición autonómica.
O Pavillón dos Remedios será o lugar de encontro para esta xornada deportiva, na que participarán deportistas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e tamén paraescaladores, que disputarán nesta proba final a súa última competición do curso.
A actividade está organizada pola Asociación de Escaladores Ourensáns (ASESOU), en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a Federación Galega de Montañismo.