Ourense acollerá este mes un encontro científico de referencia en Europa no ámbito da sanidade vexetal e da produción sostible de pataca

GaliciaXa | OurenseXa
O evento está impulsado polo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) da UVigo e reunirá 120 investigadoras e investigadores procedentes de 20 países e de 58 centros de investigación e empresas tecnolóxicas
politecnico_campus_ourense
10 May 2026

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acollerá do 18 ao 21 de maio o 21st EuroBlight Workshop, un encontro científico de referencia en Europa no ámbito da sanidade vexetal e da produción sostible de pataca. A cita reunirá 120 investigadoras e investigadores procedentes de 20 países e de 58 centros de investigación e empresas tecnolóxicas, consolidándose como un foro internacional de intercambio científico.

A organización destaca que a elección da Universidade de Vigo como sede desta edición “sitúa o campus de Ourense no mapa europeo da investigación agraria e medio ambiental”, reforzando o seu papel neste campo.

O evento está impulsado polo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) da UVigo, con M. Carmen Seijo e Laura Meno á fronte, e céntrase na liña de traballo do equipo arredor dos patóxenos que afectan a cultivos como a pataca. Conta ademais co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense, do proxecto Campus Auga e da Deputación de Ourense–Inorde.

A rede EuroBlight reúne de maneira periódica a universidades, centros tecnolóxicos, empresas e administracións para abordar un dos principais retos do sector agrario europeo: o control do mildio e da alternaria, enfermidades que afectan de forma significativa á produtividade e sustentabilidade do cultivo da pataca.

Segundo o comité organizador, a produción europea deste tubérculo enfróntase a novas dificultades, como a aparición de cepas máis agresivas, algunhas con menor sensibilidade a funxicidas habituais e outras capaces de superar resistencias xenéticas. A isto súmanse cambios normativos no uso de produtos fitosanitarios e unha maior demanda de prácticas agrícolas máis sostibles.
Neste contexto, o encontro busca fortalecer a cooperación científica internacional para desenvolver solucións innovadoras que permitan mellorar o control destas enfermidades de maneira máis eficaz e sostible.

Durante as catro xornadas, especialistas de distintos países compartirán avances científicos, ferramentas dixitais e estratexias de manexo integrado. Entre os temas que se abordarán figuran a xestión do mildio con menos dependencia de funxicidas tradicionais, a prevención de resistencias, o uso de modelos de predición e a integración de datos a escala de paisaxe para mellorar a toma de decisións.

O programa tamén fará fincapé no intercambio de datos e na creación de redes de colaboración científica para facer fronte a ameazas fitosanitarias cada vez máis complexas no ámbito europeo.

0.12557315826416